Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Merlos e pegas

    NAS historias das familias seguro que hai cans, gatos, paxaros, e agora coellos, con nomes propios coma Bimbo, que estimulan afectos e lealdades nas nosas mentes.

    O meu pai ademais de recoñecer a lealdade do Tobi, fálanos de paxaros, compañeiros del desde neno, e xa de xastre, do xílgaro que o acompañaba pola Ría entrando e saíndo da gaiola con liberdade.

    De nena sempre lembro canarios na xastrería, saían
    algo da gaiola, non tanto como o xílgaro da Ría. Seguir o proceso de como facían o niño, ver os ovos, cando a canaria se movía e logo descubrir as crías, tan feíñas como tenras, estimulou a miña paciencia de nena, que tanto tiña que medrar ata os tempos da pandemia.

    Hoxe hai un canario na casa, Chicho, un dos presentes que o meu pai recibiu no seu oitenta aniversario. El segue coa tradición familiar de saír da gaiola para compartir outros espazos da casa, de feito tivo un bon presente de De Cotío este Nadal, con un compañeiro ben bordado para poder pousarse en liberdade.

    Eu asumín que as plantas, como as violetas que me acompañan desde a primeira que comprei en Lugo, serían as compañeiras de vida na casa e no traballo. As que teño colgadas fóra acubillaron paxaros, revivindo os ciclos que coñecín de nena.

    Nunha das macetas, unha familia de merlos amosaron grandes competencias arquitectónicas ao facer o niño. En varias temporadas seguín tralas cortinas os seus proxectos vitais, vendo como aparecían os ovos, as crías e os coidados dos maiores para alimentalos e estimulalos nos primeiros vós.

    Para min os merlos, tamén tivemos un na xastrería, representan a elegancia, polo canto e pola plumaxe negra coa coquetería do pico laranxa. Unha das tempadas decidiron nacer en sábado
    e puiden seguir o proceso,
    é curioso como lles costa aguantala cabeciña e como a apoian nos ovos dos que están por nacer.

    Eu estaba feliz con este equilibro de plantas e merlos sen gaiolas, non tocaba o niño e mantiña a reserva para a seguinte tempada. Un día sentín un gran lío desde dentro e cando saín vin a desfeita que fixeran unhas pegas, a impotencia do merlo e o ataque con saldo de morte dos merliños. A miña intervención foi tardía, cando volvín pola noite o niño estaba baleiro e ningunha familia volveu á maceta nos seguintes anos.

    Entendo que a información de maceta perigosa, por haber pegas na zoa, propagouse polas súas canles. As pegas nunca me gustaron, e despois de atacar á familia veciña moito menos, representan unha moda que non dubida en atacar a vida máis débil, o seu nome en castelán non ten moito creto.

    Por estas vivencias os ovos representan para min un presente de vida, cunha xeometría óptima, pensada en quen os pon e no habitáculo previda para unhas crías que son queridas non pola súa beleza, senón por ser familia e pola necesidade de ser alimentadas tamén en valentía, para aprender a voar.

    Rexeito as pegas que atacan aos ovos e as crías sen respectar a quen os pon e
    os alimenta. Agardo volver
    a ter por veciños merlos
    comprometidos co canto e a elegancia!

    10 feb 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito