Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Mes de santos e epitafios

    VELAQUÍ, o mes de santos, o mes do Samaín, dos magostos, do San Martiño e do Santo André. Para os galegos a morte sempre formou parte da vida. Despedíamos os finados nas casas, con comida, bebida e conversas (agora, os tanatorios democratizaron a morte; case temos un por aldea; mesmo en fronte de prostíbulos, o que dá para pensar marabillosas); conviviamos coa Santa Compaña (moito máis atraente e rica que outros costumes foráneos), coas aparicións dos defuntiños (que nos viñan visitar de cando en vez), cos presaxios de morte, cos contos para morrer de medo, con discusións familiares para morrer de risa por ver quen herdaba o nicho do panteón que tiña vistas ao mar e lle pegaba o sol... Un universo fantástico onde custaba diferenciar a parte de realismo da parte de máxico pero, sempre e por riba de todo, respectuoso. O respecto dominaba os nosos ritos –mortalla, velorio, pranto, enterro...– e as defuntas e defuntos seguían, máis vivos ca nunca, presentes no día a día dos que quedaban aquí. Pero se non precisamos vampiros, nin zombies, nin Halloween... Temos de todo e de noso!

    Nos nosos cemiterios, fermosísimos na súa soidade, batemos non só con incribles obras de arte senón tamén con Historia e con historias para seren recordadas (de amor, de celos, de morte matada, de naufraxios, de guerras...). E neles, con sorte, damos cunha campa que recolle o epitafio en galego –disque un de cada mil! Para morrer de pena!– que reflicten o carácter comprometido, poético, saudoso e retranqueiro dos finados: Loubado seña Deus que me permitiu facerme home neste grande reino que chamamos Galicia; Baixando do Machuco/ ós prados de Feás/ o vento semellaba un neno lacazán...ou Eu crieime ao lado do mar e cando morra, ao lado del quero estar.

    Acabo xa, con tres mensaxes derradeiras e inmorredoiras. A do cambadés Cabanillas, que reza Quero na lousa que me de sosego, esta palabra que ten aas: Poeta. E esta palabra que ten luz: Gallego. A de Celso Emilio, Mais o lume que alampea, xamais o veredes morto e remato coa de Ben-cho-sey: Señor D. Xosé Ramón Fernández Oxea (Ben-Cho-Shey). Gran cruz de Montealegre, colector de Barallete [fala dos afiadores], Preboste do Tangaraño. Ten o gusto de lles ofrecer aos seus amigos o seu novo domicilio no cumio do cimiterio de Ourense, onde os agardará ata que o boten de alí os ediles de turno. A súa dona e a súa filla préganlle encomenden a Deus a súa ánima.

    NOTA.- Quedan suprimidas tódalas homenaxes postmortem porque as cousas ou se fan ao seu tempo ou non se fan.

    02 nov 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito