Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Microcosmos

    NO último café que tomamos uns amigos que coincidimos de cando en vez, Sofía contounos que ela vive no seu microcosmos. Ao principio pensamos que se trataba simplemente dun modo de dicir, pois as veces utiliza unha terminoloxía un pouco rebuscada para explicar cousas que –traducidas á linguaxe común– podería subscribir calquera. Pero esta vez ía en serio e por microcosmos só podería entenderse o que quería dicir, gustase ou non.

    Un dos segredos do microcosmos de Sofía consiste en evitar vivir co nariz demasiado pegado á parede para non perder a perspectiva. Cando igualas as cousas que teñen importancia coas que non a teñen, vas pola vida derrapando como se estiveras conducindo nunha estrada chea de curvas na que podes estrelarte en calquera momento.

    Poñer ao mesmo nivel un proble-ma de saúde ou económico de quen non chega a fin de mes, que un comentario que che fixo sentir mal, esquecer o móbil na casa ou perder o bus non ten xeito.

    Outro segredo de Sofía é procurar encherse de cousas que lle dan felicidade e fuxir daquelas que crean un ambiente tóxico dentro dela. Como prestar demasiada atención ás novas negativas, aos insultos e as malas formas dalgúns políticos ou a divulgación da vida privada dos famosos. Mergullarme nisto –dixo– déixame atordada e prefiro investir o tempo noutras cousas.

    A Carlos o microcosmos no que Sofía contou que vivía pareceulle fantástico, pois dedicar máis tempo ao que máis valoras –como a familia, o traballo ou ás afeccións– enche máis que funcionar ao ditado. Aínda que sexa a costa de ter un microcosmos máis reducido, polo menos o teu mundo cho constrúes ti.

    Unha das formas que Sofía utiliza para vivir con máis serenidade é buscar o contacto coa natureza. Cando paseas pola montaña ou contemplas o mar e podes ver o horizonte, moitos problemas que parecen xigantescos esfúmanse. Igual que cando pos as cousas dos demais ao mesmo nivel que as propias ou falas con Deus. Mentres o exceso de darse voltas é mareante; escoitar, poñerse na pel do outro e axudarlle no que está da túa man, libera.

    A clave –dixo Sofía– é elixir ti o teu propio proxecto vital; non que cho marquen. A elección do mundo interior que quero vivir correspóndeme a min. Igual que os materiais que queiro que teña.

    Despois de escoitar todo isto, Belén propuxo unha saída á montaña. E onde iremos, preguntou Carlos? Que elixa Sofía, contestamos todos. E ao final quedamos en que nos levaría a algún deses sitios –o que elixa– nos que atopa a ledicia e a paz. De seguro que aí aprendemos algo do seu microcosmos e dos materiais que forman parte do mesmo. Necesitamos tocalos e cheiralos.

    11 jun 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito