Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Mimá, quen nos vería votando hoxe!

Estado de alarma e toque de queda son conceptos que mentalmente asociamos a situacións bélicas. Son medidas extremas, excepcionais, das que se bota man cando a lexislación ordinaria non é capaz de dar resposta a un desafío inminente da máxima gravidade. O seu uso ha de ser, se se dera o caso, puntual e o máis breve posible, pois afecta aos dereitos fundamentais das persoas, en definitiva, aos dereitos humanos. É habitual nos réximes totalitarios, cuxos cidadáns xa viven soxulgados en permanente estado de excepción, pero ha de ser utilizado nos democráticos con mesura e prudencia. Esperemos que así sexa.

Ninguén discutiu na primeira onda da epidemia a declaración da alarma Criticouse a xestión do Goberno e o seu mando único, e creo que con razóns obxectivas. Os datos de España, o país do mundo desenvolvido con maior incidencia, avalan as críticas, pero non obstante a dura medida foi ratificada primeiro por unanimidade e despois por amplas maiorías no Congreso, ata que ao baixar a incidencia optouse por fórmulas menos drásticas.

Aproveitando a tregua do virus, no País Vasco e Galicia celebráronse eleccións o 12 de xullo cunha máis que notable normalidade. Aquí, os principais partidos da oposición reclamaban suspendelas, ao que afortunadamente non accedeu a Xunta Electoral. De facerlles caso Feijóo a Pontón e Caballero poderiamos estar a votar hoxe, 25 de outubro, data límite da anterior lexislatura, cando se baten records de incidencia nas dúas comunidades citadas, peor situación aínda no resto de España e cunha Xunta en funcións quen sabe canto tempo durante o peor desta segunda onda da pandemia.

Como o Goberno central non moveu un dedo desde que trasladou toda a responsabilidade ás comunidades autónomas, sen facer os deberes que se puxo antes de verán, agora probablemente non quede máis remedio que volver decretar o estado de alarma. A covid-19 non é desgraciadamente unha excepcionalidade pasaxeira. Chegou para quedar polo menos uns cuantos anos. Nestes meses houbo tempo máis que suficiente para modificar a Lei de Saúde Pública, de maneira que con normativa ordinaria, máis precisa, puidésese combater o virus sen necesidade de canonazos, e coa dúbida de se se chega outra vez tarde, a pólvora está mollada, dispárase ao aire ou todo queda en salvas.

Os gobernos catalán e vasco apoian o estado de alarma, coa condición de exercer o mando único. Dubido que a legalidade permita a unha autonomía ter o mando do exército, das forzas e corpos de seguridade do Estado e o control das fronteiras, por citar algúns supostos. Asi é así, mando único para todas, Incluído o Couto Mixto.

Sí señor Casado, pero o futuro gáñase nas urnas

COMO profeta tería eu pouco futuro. Vaticinei nun faladoiro da Radio Galega que o mellor da moción de censura sería que ao día seguinte ninguén a lembraría. Sobre a súa utilidade, reafírmome no devandito: ningunha para o que a cidadanía precisa nestes momentos. A prioridade da clase política debe ser combater a crise sanitaria que mata e a económica que nos arruína. O Congreso tería que estar nestes momentos ocupado en aprobar normas adecuadas para facer fronte á pandemia, facilitando desde o plano legal as decisións que han de tomar as comunidades autónomas enlugar de entreterse con “ patochadas”, na tan breve como acertada admonición do portavoz do PNV, Aitor Esteban, quen non dedicou nin minuto e medio ao asunto.

Pero o esperpento celebrouse, ben preto por certo do valleinclanesco Callejón del Gato, pero con resultado oposto ao pretendido polo tridente PSOE-Podemos-Vox, que non era outro que enterrar a Casado en vésperas de defuntos. Como antes Iglesias e Rivera -quen é o tal Rivera, preguntaranse moitos-, Abascal tratou de aproveitar a suposta debilidade do PP para sorpasalo, e perdón polo palabro co sinxelo que é dicir superalo ou adiantalo, pero para estar na pomada hai que imitarlles ata na estética. Na mesma onda voan Sánchez e Iglesias. Suspiran ter no outro lado da cama ao líder da extrema dereita igual que Putin gosta de Trump antes que de Biden. Por iso poño os tres no mesmo xergón, non por amor ou afinidades senón por unha conxunción de intereses estratéxicos.

A moción tivo tamén outros efectos colaterais. O presidente do Goberno tratou de diluír o éxito do xefe da oposición co anuncio sobre o Consello Xeral do Poder Xudicial. Propuxo unha tregua antes do asalto ao órgano xudicial para ofrecerse a negociar. En realidade é unha retirada, non por convicción senón porque caeu na conta do fracaso da intentona. Se tiña difícil superar as trincheiras democráticas internas, as salvas de advertencia enviados desde diversas frontes europeas terminaron por minar a súa resistencia. Ou simplemente era un farol, que a moción lle serviu de pretexto para recuar.

E sí, Casado zurrou a Abascal, para desgusto de Sánchez e Iglesias. Pero a malleira foi dialéctica, cunha decisión que por sensata non debera merecer maior eloxio. Un bo discurso pódeo facer -ou cho escriben- calquera con algo de oficio. Pero a realidade defínese nas urnas. O líder do PP nacional ten espello onde mirarse.

25 oct 2020 / 00:10
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito