Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Monsieur Bidance

    HAI uns días falaba con xente de xornalismo sobre a comodidade de traballar sen focos ou de estar entre bambalinas. Chamáronme entón “fontaneira”. E pode que a moitas persoas lles incomode ser fontaneira, ser formiga traballadora e non a raíña da festa. Nada que ver comigo.

    Débeme vir de familia, pois o meu avó materno, ebanista de oficio, tivo a oportunidade de ter os focos enriba mais decidíu manterse nun discreto segundo plano, saíndo das súas mans de ouro mobles que hoxe son tesouros para todas as persoas que teñen (temos) a sorte de disfrutalos.

    O curioso é que, mentres escoitaba que me chamaban “fontaneira”, lembreime de Monsieur Bidance. E quen era, pensarán vostedes?

    O meu libro actual de cabeceira conta unha historia que me chamou poderosamente a atención e por iso o merquei. É unha novela que se chama Na procura de Dora Maar e a súa autora é a xornalista francesa Brigitte Benkemoun. Narra a casualidade pola que o seu home, cando merca por internet unha axenda da marca Hermès, atopa agochado un caderno de direccións do ano 1951, pequeniño e marrón e cheo de nomes que resultan ser as figuras máis representativas do mundo artístico do París da época (Breton, Brassaï, Chagall, Cocteau, Balthus ou Picasso).

    Esa axenda pertencera á fotógrafa Dora Maar, coñecida por ser unha das mulleres de Pablo Picasso, e o curioso da historia é que, entre eses ilustrísimos nomes, estaban a dirección e o número de teléfono de Monsieur Bidance, un fontaneiro.

    Mais non se trataba dun fontaneiro calquera. Foi o que entrou no piso alugado por Picasso en Saint-Germain-des-Prés, que primeiro foi o taller e despois o domicilio no que o malagueño pintaría o Guernica. Foi aquel que instalou naquel espazo rudimentario a calefacción central e un baño con tres ringleiras de azulexos brancos nun pequeno cuarto iluminado por unha bufarda, debaixo dun beirado.

    Ese fontaneiro debeu de ser unha persoa moi importante na vida diaria de Picasso, pois ata hai unha fotografía que Dora Maar sacou ao pintor diante da bañeira, vestido e cos brazos cruzados.

    É dicir, Monsieur Bidance converteuse no fontaneiro que fixo máis fácil a vida do artista máis importante do século XX. Que colaborou para que unha das máis grandes obras de arte da historia chegase a bo porto. Cantas persoas matarían por desenvolver ese modesto papel na súa vida!

    Foi esta mesma reflexión a que lle fixen aos xornalistas que me escoitaban, bastante estupefactos, chegando á conclusión de que a fontanería é fundamental para a comodidade e o benestar dos seres humanos. E que sen fontanería non é posible vivir dignamente.

    22 jun 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.