Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Muller calada, nunca pagada

    DIÓN Crisóstomo foi un orador e intelectual grego do século II d. C. que nunha ocasión lle pediu ao seu público que imaxinase unha situación en que unha comunidade enteira se vise afectada por unha auténtica desgraza na que todos os varóns, de súpeto, tivesen voz feminina e que ningún deles, nin neno nin adulto, puidesen dicir nada dun xeito viril. “Acaso, iso non sería máis insoportable e terrible que calquera praga?”, dicía Dión.

    Pois perlas parecidas seguímolas escoitando hoxe, mesmamente hai uns días. Coma quen non quere a cousa, o presidente do comité organizador dos Xogos Olímpicos de Toquio 2020, Yoshiro Mori, comentaba: “Se incrementamos o número de mulleres nos consellos directivos teremos que asegurarnos de restrinxir o seu tempo para falar, porque teñen problemas para terminar e é molesto”. Todo o que agochan estas palabras!

    Velaquí, tres ideas rápidas: 1. O poder está nas mans dos homes. Eles permiten, ou non, que accedan a cargos directivos. E, se o logran, mellor que se comporten coma eles. Que vistan, falen e actúen coma homes. Estamos cansos de ver como as critican e as insultan pola súa forma de vestir, de falar, de peitearse, de actuar... 2. As mulleres, mellor caladiñas e, a poder ser, que non pensen moito. Desde que o mozo Telémaco, fillo de Ulises, mandou calar a súa nai en público porque só eles tiñan ese privilexio na antiga Grecia, fóronse sumando casos e casos ao longo da historia onde se lles recomenda ás mulleres o silencio mesmo en casos extremos como as violacións. 3. As voces dos homes son graves, reflicten autoridade, seriedade... e as das mulleres? Pois como cría Cristóstomo, “afrautadas, nasais, estridentes” ou como dixo Yoshiro, “molestas” .

    E todo isto a uns días do Día In-
    ternacional da Muller e a Nena na Ciencia que busca inspirar e promover a súa participación no ámbito científico onde só supoñen o 30 % dos investigadores mundiais. Cómpre avanzar na coeducación nas escolas. Continuar co labor de visibilizar os coñecementos que achegaron Elas á ciencia desde a prehistoria (pioneiras artesás, alquimistas, tinguidoras, perfumistas...) aínda que esta autoría se silenciase coa consolidación de ramas científicas como a física, a química...

    Lograr, como sociedade, a consecución de cidadáns e cidadás libres para desenvolverse laboralmente sen limitacións, sen estereotipar sexos, actitudes nin aptitudes. E aos telémacos actuais dígolles que como o falar non ten cancelas, sobran homes e directivos de poucas falas, coma Mori, que molestan.

    12 feb 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito