Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Na chegada da alta
velocidade e da intermodal

    SEMPRE me gustou, e segue gustándome, viaxar en tren e sempre me encantou o edificio da estación de Santiago de Compostela coas súas torres e coa súa escalinata seguindo o modelo dos pazos. Amoreei unhas cantas historias de ferrocarril derivadas dos traxectos que facía naquelas cafeteiras, como lle chamabamos nós a aqueles antigos e divertidos trens de Renfe.

    Sorprendérame moito coñecer o dato de que en Galicia tiveramos que agardar case 30 anos desde que se inaugurara a primeira liña de ferrocarril de España. Acontecía isto en 1848 coa liña que uniu Barcelona e Mataró. No caso de Galicia, houbo que agardar ao 15 de setembro de 1873, data en que se inaugurou a liña entre Carril e Santiago (aquí, o edificio estaba localizado en Cornes e hoxe consérvase como centro sociocultural).

    Oito anos despois, en 1881, chegaría a Ourense e o mesmísimo Curros Enríquez, que xa denunciara nalgúns dos seus escritos o atraso da chegada do tren e a arela dun ferrocarril que unise a Meseta con Galicia, dedicaría o seu poema Na chegada a Ourense da primeira locomotora a este fito histórico que contribuiría ao desenvolvemento social, comercial e cultural da zona: “Vela ahí ven, vela ahí ven avantando / cómaros e corgas, e vales, e cerros. / ¡Vinde vela, mociños e mozas! / ¡Saludáina, rapaces e vellos! / Por onde ela pasa / fecunda os terreos, / espértanse os homes, frolecen os Eidos”.

    Con respecto ao AVE e a unión coa Meseta, xa non digo máis. O día que se finalice totalmente, teremos que celebralo con Na chegada a Galicia da alta velocidade. Con respecto á estación e ás actuacións que se están a levar a cabo nela para construír a intermodal convertéronse estes días en tema de numerosas conversas, de críticas e de risas. O caso é que nun proxecto tan estudado, necesario, moderno, actual, onde se prioriza a funcionalidade, aberto á cidade e que vai permitir conectar dous barrios, unha cuberta de lucernarias, unha fachada de deseño translúcido... colocar tres escalóns na beiravía da Rúa do Hórreo na entrada á pasarela peonil moi ben non é que queden.

    Dá a impresión de que houbo un fallo serio nos cálculos e que se buscou unha solución de última hora. Disque en todas as obras cómpre readaptar os proxectos iniciais ás necesidades que van xurdindo, que xa estaba previsto, que os escalóns son provisionais, que se o proxecto e os escalóns “son da Administración”... O certo é que toca repensar esta actuación e mentres, os ditosos escalóns ensombrecen un dos proxectos estrela da cidade.

    19 abr 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito