Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENQUANTO HÁ FORÇA

Na senda de recuperación europea

    Cando se estendía o pesimismo sobre as posibilidades de acadalo, o cumio de xefes de estado e de goberno da Unión Europea, celebrado do 17 ao 21 de xullo en Bruxelas, fixo honor á fama sobre a capacidade negociadora europeísta e, case contra todo prognóstico, conseguiu chegar a un acordo sobre un fondo para a recuperación da economía europea castigada polo impacto da pandemia da covid-19. Foron sesións de negociacións extenuantes, como repetiu tantas veces o presidente do goberno español, que parecía asombrado da súa propia capacidade de extenuarse.

    Con independencia da contía do fondo, da proporción entre subvencións e créditos, e do reparto entre países (incluído o cheque compensatorio, en plan Margaret Thatcher, que arrincou o primeiro ministro do paraíso fiscal holandés), o máis importante dese acordo, como destacan todos os analistas, é que, por primeira vez, a Unión Europea vai emitir débeda pública comunitaria. Un paso máis no que podería ser unha futura Europa federal, que tanto tempo e traballo está a custar.

    Por non remontarnos aos tempos históricos do Tratado de Roma do 1957 e limitarnos ao século actual, quizais se podería pensar que tanto a capacidade de emitir débeda pública europea como a aínda moi afastada harmonización fiscal, por non falar dunha autoridade federal que controlase de xeito executivo estas cuestións, deberían ter acompañado á posta en circulación da moeda única, o euro, que ven funcionando como en solitario desde hai 18 anos e que puxo de manifesto a súa fraxilidade na crise especulativa do 2008, ante a que o goberno alemán de entón (coalición democristiá-liberal desde o 2009) impuxo unha ríxida actitude austericida, especialmente rigorosa con Grecia.

    No medio quedou o fracaso da Constitución Europea, polo rexeitamento de Francia e dos Países Baixos (como non!), que paralizou o proceso referendario do 2005. Houbo que conformarse co Tratado de Lisboa do 2007 (que entrou en vigor no 2009), como un sucedáneo constitucional que recompila o inicial Tratado de Roma e o Tratado de Maastricht (que creou a Unión Europea no 1992). Un proceso de novas incorporacións non sempre ben controladas, a crise do 2008 co deterioro socio-económico que espertou vellos fantasmas autoritarios e fixo medrar o euroescepticismo entre políticos e cidadáns, e agora esta nova crise foron debuxando un panorama nada optimista sobre as posibilidades dunha Europa federal, mesmo sobre a súa supervivencia.

    Un goberno alemán diferente (coalición democristiá-socialdemócrata), presidido por unha líder con sentido da responsabilidade histórica (a democristiá Angela Merkel), resultou agora decisivo para este novo acordo, que non só pode contribuír a reparar os erros da crise anterior, que tanto prexudicaron aos países do sur, senón que pode reconducir o panorama de fragmentación e de confrontación entre estados para recuperar a senda do proceso de unidade, aínda que sexa coa tradicional parsimonia de negociacións labirínticas.

    25 jul 2020 / 10:27
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito