Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Nada e máis nada

    SENTOU na ourela do río e pasmou vendo as troitas ruar, de arriba para abaixo e de abaixo para calquera lado, as troitas movíanse a grande velocidade e escondíanse detrás das lastras furadas polo tempo, pola auga, a escuridade e a friaxe. Era no río do seu lugar, que ía engorde, amodo e pouco a pouco, cara o mar que se imaxinaba ao lonxe. Era un lugar da montaña, onde vivían, a mediados do século pasado, unhas noventa persoas, a maioría delas novas e con forza para traballar, para amar e para rir.

    Naquel lugar agora non hai quen se achegue ao río, todo vai de mal en peor, todo está preparado para desaparecer e desaparecerá antes de que cante o galo, antes de que volva nevar, moito antes do que se poida pensar. O río, non. O río seguirá a súa canle e irá ao mesmo ritmo coa auga para o mesmo mar, cuberto de aves acuáticas que da gusto e medo velas. E a muller que sentou naquel cepo para ver pasar a auga, onde irá?

    Ninguén sabe nada. Nada é do que se fala e todo o que se cala. Os cidadáns da montaña e do rural están acostumados á nada e, igual que Pablo Neruda, saben da súa importancia, “Para que nada nos amarre / Que no nos una anda”. Ben sabemos que a poesía é outra cousa, pero a nada ten un enorme valor na cultura do rural noso, nas vivencias da nosa xente traballadora, na realidade de cada día, onde se amontoa a nada sobre nada, onde todo é ou parece nada.

    E, cal será o valor de nada? O seu prezo é indiscutiblemente alto e págano, precisamente, os que non teñen nada, aqueles cidadáns que, a pesar do esforzo, posúen miseria; os que teñen fame, os que non poden pagar con nada.

    A importancia da nada para os crentes é evidente, tal que Deus creou dela o mundo, no que viven uns na pobreza e outros na opulencia. O mundo das desigualdades foi o que saíu desa nada, que continúa sendo nada e máis nada.

    Por aquí non pasa nada e nada non é máis que unha palabra, ren, sen ningunha outra cousa. Os cidadáns deben aproveitar o tempo e seren algo mentres se pode, despois todo é nada, outra vez. E, dende a ourela do río, non se ve outra cousa máis que nada. A Tía Manuela pensa no que acontecerá e goza vendo e sabendo que non todo é nada, pero onte foi ao médico e quedou moi contenta ao escoitarlle: “Tranquila!, non tes nada”.

    14 dic 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito