Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Negros e periódicos

    A estas alturas parece que sobre o tema e tempo de Donald Trump os politólogos non deixaron veiga sen sachar. O único eito que o arado da análise política global deixou a monte é o traballo dos negros. Non no sentido racial nin racista da palabra, senón no metafórico: eses xornaleiros literarios que lle labran un libro de memorias e milagres a un famoso, a un magnate, e incluso a un mangante.

    Estes negros sempre son brancos, coma Tony Schwartz, que perpetrou o célebre best seller de Trump –The Art of the Deal–, e ciscou por todo Estados Unidos os “emotives” que tres décadas despois lle serían propicios ao candidato republicano nas eleccións de 2016; ou o negro (tamén branco) Charles Leerhsen, que escribiu despois as máis míticas prosas de Trump (“Só son un ser humano”), coas que igualmente gañou moito mimo popular.

    Confeso polos negros unha admiración que me vén desde neno, cando meu tío avó Vitorio me trouxo de América La razón de mi vida, a “autobiografía” de Evita Perón escrita polo seu negro Manuel Penella de Silva, que é o meu negro favorito. Lina un feixe de veces, e tanto me gustou que a teño coma o conto de fadas da miña infancia.

    E cando de pequeno me preguntaban que quería ser de grande, eu dicía: negro de primeiras damas. E aínda hoxe sinto esa vocación, pero rebaixada de vaidades: xa non aspiro a ser negro de primeira dama; conformaríame con ser negro dunha modesta ministra ou conselleira ou alcaldesa do país. Pero aquí os negros temos pouco mercado.

    Do que pasa nos Estados Unidos só leo o que escriben os negros (non só os de Trump), porque na serie histórica da literatura política desa nación levo un retraso de douscentos anos: quedei en A democracia en América, de Alexis Tocqueville (un negro avant la lettre).

    Este libro parece escrito hoxe pola mañá, e segue dando luz para ver no luscofusco dos EE. UU., que aínda están afincados no trípode da teoría tocquevilliana: Biblia, machado e periódicos. A Biblia xa non é o que era (porque, segundo dixo Trump (sic), “ten que competir co meu libro The Art of the Deal”); o machado do leñador do Oeste xa non é o que era (porque ten que competir co rifle de Charlton Heston).

    Pero os periódicos son os periódicos. E aínda latexan frescas as palabras do libro de Tocqueville na miña memoria (que a teño boísima): a liberdade de prensa trae sempre unha gran colleita de bens, aínda que poida orixinar algúns males. Sánchez e Iglesias Turrión terían que ler a Tocqueville en vez de armar un impúdico “comité” para darlle un toque. Que necesitados están, malpocados, de cadanseu negro (zumbón).

    14 nov 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito