Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Nin con James Bond nin co anxo da garda

    Nunca coñecín un espía, polo menos presentado como tal, pero si que tiven contacto indirecto con axentes da embaixada de Iraq (nos anos de Sadam Hussein) e directo cunha organización estudantil libia vinculada ao réxime de Muamar el Gadafi. Máis relación tiven nos anos oitenta cun individuo, oficialmente representante en Barcelona do PC Libanés, que segundo diversos comentarios, actuaría de informante dun Estado árabe, probablemente Siria.

    Os servizos de intelixencia están sempre ou case sempre na fronteira de traspasar a legalidade, propia ou allea. Cabería refacer a frase de inicio de Ana Karénina: “Todos os estados respectuosos coa lei seméllanse uns aos outros pero cada estado a vulnera ao seu xeito”. Non entro a considerar as ditaduras senón simplemente os estados formalmente democráticos. Comezando polo apoio da CIA aos réximes militares da América Latina. E seguindo por Europa, lembremos en Francia a sabotaxe contra o Rainbow Warrior, o barco de Greenpeace (Auckland, 1985). Ou os misteriosos suicidios de membros da Fracción do Exército Vermello alemán nos anos setenta. Ou as múltiples implicacións dos servizos secretos e mais o exército italianos na rede Gladio nos chamados “anos de chumbo”. Ou sen miramentos, a execución en 1988 de tres activistas do IRA en Xibraltar por un comando do SAS, que finalmente Margaret Thatcher tivo que asumir despois da condena feita polo TEDH de Estrasburgo.

    Pero estes feitos, vistos es perspectiva, foron anécdotas e en moitos casos houbo responsabilidades políticas que non negaron a condición democrática dos estados. Pero se observamos o caso de España, dun xeito ou doutro hai un continuo de actuacións fóra da legalidade por parte das autoridades. E se anos atrás, co goberno socialista de F. González, foron os GAL e as escoitas do CESID a diversas persoas (incluído o rei), na segunda etapa do PP na Moncloa, con Mariano Rajoy, os servizos de intelixencia e un sector da policía e da xudicatura foron empregados xa non para espiar a eventuais conspiradores contra a unidade territorial do Estado senón abertamente para provocar unha derrota electoral dos adversarios.

    Recentemente, o escándalo estoupou cando se coñeceu que desde a intelixencia estatal se empregara o programa Pegasus para controlar os teléfonos (e introducir neles eventuais materiais) de dirixentes independentistas e, o que aínda é máis grave, dalgúns dos avogados que defenderon aos procesados polos feitos de 2017. O descubrimento, pouco despois, de que con ese mesmo programa se espiou a Pedro Sánchez –probablemente por parte dun país terceiro- deixou en evidencia que o CNI tiña importantes carencias, por activa e por pasiva.

    Porque aínda que unha actuación do CNI sexa validada polo xuíz ad hoc do Tribunal Supremo, o emprego dun programa como Pegasus vulnera abertamente a lexislación dun estado que se considera democrático. Un produto cuxa compra non aparece nos orzamentos do organismo e que está pensado, precisamente, para ser empregado de forma irregular. A “substitución” da directora do CNI non deu satisfacción –non podería dala- ás persoas aldraxadas. E foi patético o papel que os deputados do PP xogaron no Parlamento Europeo cando quixeron xustificar a actuación dos espías españois pola condición independentista dos afectados.

    Pero a falla de datos máis tanxibles, temos o artigo de Ronan Farrow na revista The Newyorker que recollía os resultados do estudo feito polo grupo Citizen Lab, avalado pola Universidade de Toronto. Publicación que foi negada pola ministra de Defensa, Margarita Robles, na súa comparecencia no Senado.

    Pero o asunto ben axiña foi superado (que non esquecido) informativamente falando polos audios que o ex comisario Villarejo está a facilitar a diversos medios. Mercenario confeso pero non parvo, cubríase as costas gravando todas as conversas que mantiña con aqueles que querían dispoñer dos seus servizos. Aparte de María Dolores de Cospedal e Alicia Sánchez Camacho entre outros, agora aparece Jorge Fernández Díaz. Ministro de Interior con Mariano Rajoy (2011-2016), impulsou –ou polo menos tolerou- a chamada “policía patriótica”, grupo de funcionarios dispostos a intoxicar –seguindo instrucións políticas- para evitar que o nacionalismo catalán seguise nas institucións.

    Fernández Díaz sempre presumiu da súa condición de católico (é membro supernumerario do Opus Dei) e de que o seu anxo da garda, a quen di chamar Marcelo, lle axudaba a aparcar o coche. Un católico que cando declarou ante os deputados do Congreso vulnerou as leis terreais e –o que debe ser máis grave para el- as divinas. Concretamente, un dos mandatos dados a Moisés: o de non dar falsa testemuña. Dixo non coñecer apenas ao ex comisario Villarejo pero nun dos audios sostén que a conversación (gravada) nunca tivo lugar e que nin baixo tortura o recoñecería.

    Joaquim Ventura

    29 jun 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito