Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

“No rempujar”

    QUEN non lembra estar na cola para subir ao autobús da escola e escoitar como alguén berraba “No rempujar!”. Porque sempre había o típico machiño que empurraba para presionar e facer valer o seu poder. Cando chegaba á casa e o contaba, os meus pais morrían coa risa, non polos feitos, senón pola errada expresión.

    Esas lembranzas fácticas e dialécticas volveron á miña cabeza pola cantidade de empurróns vip que estamos a vivir ultimamente. Empurróns que esquecen a asertividade. Esa habilidade para nos comunicar con calma, con respecto e sen conflitos. Esa necesidade de ter unha actitude positiva cando nos relacionamos e comunicamos con outras persoas. Esa actitude positiva na comunicación que debemos ter presente tamén á hora de utilizar o espazo cando intercambiamos información de maneira non verbal (souben que a esa parte da semiótica se lle chama proxémica).

    Ocorre que nin de proxémica nin de asertividade saben nada o director do gabinete da presidenta da Comunidade Autónoma de Madrid nin o alcalde da cidade de Ourense. Do que si saben, e moito, é de “rempujar”.

    Miguel Ángel Rodríguez “rempujou” do brazo á xornalista Andrea Ropero mentres esta facía o seu traballo no Parlamento de Castela e León e tentaba entrevistar á presidenta do goberno madrileño. Como aínda non lle parecía bastante, espetoulle con ollos cheos de rabia e que lle saían das órbitas “Haces el ridículo”. E marchou.

    De maneira idéntica, Gonzalo Pérez Jácome “rempujou” cos mesmos ollos acendidos de coraxe á sindicalista Lola Panero, quen participaba na folga do transporte público urbán de Ourense e falaba lexitimamente polo megáfono na entrada do concello.

    E, como tampouco lle pareceu suficiente, publicou un tuit no que se xustificaba desta maneira: “Contingencia con una sindicalista liberada. Me agredió acústicamente al vociferar con un megáfono a 10 centímetros de mi cara. Reaccioné de forma instintiva con un empujón, ante la amenaza potencial de pérdida auditiva permanente (podría romperme el tímpano o pérdida decibelios)”. Con posterioridade explicou que se trataba dunha muller exaltada, sindicalista liberada que o acosara físicamente; ergo, el tivera que exercitar a súa lexítima defensa.

    Exactamente igual que na cola agardando o bus: dous típicos machiños que “rempujaron” a dúas mulleres para facer gala do seu poder, de xefe de gabinete dunha presidenta dun goberno autonómico e de alcalde dunha capital de provincia, respectivamente. Nada máis e nada menos.

    Exhibición de poder que logo pasearon pola súa boca, en forma de “Eres ridícula”, “Eres una histérica”, “Eres una acosadora”, “Aquí mando yo”. Porque isto, sen necesidade de manifestalo, é o que realmente pensaban cando empurraron e despois se dirixiron á xornalista e á sindicalista, verbalmente e por escrito.

    Cadansúas proxémicas berrárono con claridade aos catro ventos: “Te “rempujo” porque eres una mujer, ridícula, histérica, me molestas y estás acosando. Quien te crees que eres?”. Pensando en perfecto castelán. Con ollos asolagados de carraxe. Machiños facendo valer o seu poder. Unha mágoa que nin aos meus pais nin a min xa non nos fan graza ningunha, nin os empurróns nin as verbas posteriores.

    Así vai o mundo.

    17 may 2022 / 00:50
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.