Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Noa ten un plan

    A pesares dos avances tecnolóxicos que se teñen producido, cada vez temos menos tempo. As novas tecnoloxías permítenos aforrar miles de horas na agricultura, na industria, no fogar... Pero o certo é que cada vez hai máis persoas que dispoñen de menos espazos onde atopar algo de calma e tranquilidade nas súas vidas, aceleradas e estresadas.

    Os comentarios que Noa fixo sobre esta realidade hai un mes, tomando un café, fíxonos pensar aos tres que estabamos con ela. Cando Noa fala, calamos todos: a ver por onde sae esta vez...

    Noa está en contra de vivir a vida como unha carreira de vallas. Que teño moito que facer?: xa o sei... Prefire embridar as cousas que ten facer, a que estas lle embriden a ela. Para isto hai que saber pararse e tirar do sentidiño, que para algo está.

    Cando cada asunto pendente vese como unha valla, non gozas con ningún. Se cada cousa que comezas, queres que acabe canto antes, mal vas... Pode ser unha xestión no traballo, ir de compras ou coller o tren. Non mires a axenda do día como un inimigo, desexando tachar cada actividade canto antes. Mira cada unha como unha ocasión para despregar as túas habilidades e o teu enxeño, e para reforzar os lazos coas persoas que che arrodean.

    A isto, ao positivo, chámalle a teoría das ventás. Cada situación é única. Se estás cun amigo sen ser capaz de silenciar o móbil; ou cando estás coa túa nai o domingo, tes a cabeza no que tes que facer o luns, mal asunto...

    O exemplo dos protagonistas de O túnel do tempo que puxo, colleunos desprevidos. Na dita serie, para os protagonistas, a aventura que tiñan que tomarse máis en serio era a que lles tocaba abordar ese día. A máquina que intentaba devolvelos ao presente equivocábase e lanzábaos á época dos dinosauros ou dos faraóns...; sen conseguir traelos a súa. Pero tiñan claro que o que debían facer para poder regresar, sobre todo, era mergullarse na aventura que vivían en cada momento; esquecéndose das xa rematadas e das que puideran vir. Porque, senón, a máquina do tempo non podería transferilos a casa cando funcionara.

    Para Noa barallar o presente co pasado e o futuro de continuo, menosprezando o agora, non é a mellor opción. Se te angustias polo que saíu mal e non se pode remediar, ou polo que podería suceder imaxinando desgrazas que quizás non se producirán, fracasarás na ventá na que estás; o cal condiciona as seguintes.

    Cando poido cambiar as cousas, acabou dicindo cunha mirada decidida e soñadora, vou a por todas; e, cando non, adáptome sen gastar as miñas enerxías lamentándome. Aínda que para isto hai que ter moita forza interior. Como a que ten ela, a quen lle esperaba unha tarde do máis complicada.

    20 nov 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito