Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Non se entende nada

    QUERÍA ir á capital da provincia, como outras veces fora, no coche de liña, no tren da mañanciña ou andando, se cumpría. Chegou á parada e atopou no poste da luz, onde estaba colgado o letreiro cos horarios de ida e volta, un cadrado co código QR. Agardou e, cando parou o autobús, un inspector da empresa explicoulle o significado daquel cadrado impreso en tinta negra, “é un cadro de barras bidimensionais e dentro dese cadro está gardada a información alfanumérica para a atención aos usuarios, para que todos saiban os horarios desta liña, de ida e de volta, para un lado e, naquela beirarrúa, para o outro”.

    A muller, sen prestarlle demasiada atención á explicación, subiu, pagou e sentouse. Ao chegar, foi correndo á Oficina de Información, pero alí non había nada, nin utilizaba ninguén aquela cadeira azulada, onde outrora sentaba a persoa que informaba. Estaban cravados nos cristais ducias de códigos QR, “para que todos posúan a información que precisen en cada momento”. Todo era, exactamente, igual a nada.

    Os efectivos de seguridade privada andaban á presa e sen pararse con ninguén. Aquela señora que se vía intelixente, de elegante peiteado e vestimenta, non foi quen de saber cal era o autobús que ía ao Hospital. Encomendouse á Santa Compaña das ánimas e foise andando.

    Na consulta que lle correspondía, e coa correcta amabilidade, a operaria do mostrador recibe a súa tarxeta sanitaria e, coa aparente vergoña que lle cambiaba a cor das meixelas, di: “Señora! Pasamos a súa cita para o venres que vén. Avisámola por SMS! Comprende?” –Non, non señorita! Non entendo de que me fala.

    Aquela mesma mañá foi ao banco e volveu sen os cartos. Pasaba das once e tiña que sacalos no caixeiro. No restaurante a onde foi xantar, a carta estaba no código QR. Ao saír, foi á Catedral para prender unhas candeas diante do Altar Maior e alí estaba instalada unha sofisticada maquinaria que acendía luces a un prezo fixado na tarifa, perfectamente especificada toda ela no seu propio código QR. O pagamento debería facerse tamén por medios electrónicos.

    Ao chegar a casa, soa o teléfono e unha voz descoñecida dálle razóns para cambiar de compañía eléctrica. Corta e outras dúas chamadas, a primeira para unha enquisa e a outra para propoñerlle cambiar de compañía telefónica. Como di a Tía Manuela, “malia o demos!, isto non hai quen o entenda”.

    07 dic 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito