Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Non se me queixen

    ANUNCIAN que van pechar, definitivamente, a térmica d’As Pontes. E pechou Meirama. E queren desmantelar Alcóa en San Cibrán. E, e... Periodicamente, moitos galegos semella que espertan dun soño e, coma se fose un pesadelo, alporízanse.

    Son uns peches anunciados. A maioría non se dá conta que é lóxico o que está a suceder, que tiña que ser así desde que se montaron todas estas fabricas polas súas características de industrias de enclave.

    Está perfectamente analizado desde finais dos anos sesenta como estas iniciativas empresariais son lesivas para o noso territorio por contaminantes. Produtivas unicamente para os intereses alleos, posto que nin sequera tributan en Galiza. Que marcharían cando extraeran toda a produtividade, deixando un forte impacto ecolóxico e a ruína social na comarca en que foron asentadas.

    O grande problema non é que pechen, senón que as levantasen co apoio do Estado e sen respectar os intereses dos cidadáns.

    Agora algúns vense na obriga de defender estas industrias que tanto criticaron cando se construíron, pois o seu peche aboca á ruína e á catástrofe social a toda unha comarca, porque, na filosofía desas industrias extractivas, está o monocultivo industrial que fai depender totalmente desa factoría a unha ampla parte da poboación. Así asegúranse que non haxa contestación á súa predación e falcatruadas. Como exemplo senlleiro temos a Celulosas.

    Moitos dos que protestan e se suman agora ás mobilizacións e aos comunicados condenatorios esquecen que foi ese modelo económico o que escolleron para Galiza e que referendaron unha e outra vez nas votacións, tanto locais, autonómicas ou estatais.

    O PSOE, que decretou o desmantelamento naval nos anos oitenta, é maioritario nos concellos nas comarcas damnificadas e nas deputacións. Os sindicatos estatais foron cómplices desa política. E a cidadanía non saca conclusións, nin analiza as causas nin obra en consecuencia, nunha disociación suicida entre política e realidade que os leva a seguir votando aos culpábeis.

    23 ene 2021 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito