Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENQUANTO HÁ FORÇA

Non todo vai ser coronavirus

    Como todo non vai ser coronavirus no panorama informativo e nos debates da crispación institucionalizada, volven saír a escena cuestións que parecían esquecidas ou ás que só se aludía tanxencialmente. Desde a necesidade de renovar o órgano do poder xudicial, que ven atravesando unha sorte de atención intermitente desde que cumpriu o seu prazo de cinco anos o 4 de decembro do 2018, ate o conflito catalán convertido en crónico, despois de que o xiro do converxente Artur Mas cara ao independentismo, fundamentalmente para manter a hexemonía electoral no nacionalismo catalán, tivese provocado case unha década de conflito agudo. O seu punto culminante, de momento, foi a sentencia do Tribunal Supremo, hai case un ano (14 de outubro do 2019), contra os principais responsábeis do proceso independentista que non fuxiron do país.

    Certamente, o conflito do independentismo catalán non desaparecera, pero estaba como en segundo plano, eclipsado polos avatares da pandemia (por cuxos efectos, por certo, Cataluña é un dos territorios máis castigados) e polas continuas diverxencias entre as propias formacións independentistas e as escisións que se están a producir nalgunha delas, que transmitían a sensación de que andaban máis interesadas en fixar posicións para a loita electoralista que en sumar esforzos para o suposto obxectivo común da independencia. Pero a más que probábel ratificación polo Tribunal Supremo da inhabilitación do actual presidente da Generalitat e o próximo aniversario do 1 de outubro (recordo do segundo referendo fallido sobre a independencia) e da mesma sentencia contra algúns dos principais responsábeis das iniciativas que foron máis alá da legalidade volven ofrecer ocasións de chamar á unidade dos independentistas, aínda que sexa só para protestar.

    Dúas circunstancias esas que quizais estiveron detrás da decisión de que o rei non asistise o venres 26 de setembro á tradicional entrega de despachos aos novos xuíces en Barcelona, unha tradición que se remonta a 1997, que tampouco é moito remontar, e que xa fora rota polo rei Juan Carlos, que delegou no entón príncipe Felipe no 2013 (con goberno do PP, con maioría absoluta), non se sabe se porque naqueles días se coñecera a imputación da infanta Cristina no caso Nóos. Do 2013 (maioría absoluta do PP) procede precisamente a actual composición do Consello Xeral do Poder Xudicial, que, pese a levar case dous anos en funcións, segue a exercer plenamente as súas competencias con especial entusiasmo na renovación de cargos nas audiencias provinciais, tribunais superiores e tribunal supremo. Para o 30 de setembro están previstos trece nomeamentos, entre eles os de tres membros da Sala Segunda do Tribunal Supremo, que entende en última instancia da maioría de causas penais (as dos casos de corrupción, por exemplo).

    Efectivamente, non todo vai ser coronavirus, pero, no terreo minado da política española, todo segue a ser acoso a un goberno parlamentariamente fráxil. Se non é suficiente cos efectos da pandemia -que, nestes momentos, tamén está a cuestionar seriamente a xestión da dereita na comunidade de Madrid-, queda a cúpula xudicial caducada manexando ambiguamente a posición do monarca ou a cruzada case transversal liderada polo alcalde popular de Zaragoza co apoio de alcaldes aos que o PP cualifica de comunistas e separatistas... contra os efectos dunha lei aprobada no seu día pola maioría absoluta do Partido Popular (a cuadratura do círculo!). E, por suposto, os múltiples e variados pretextos que sempre se poden sacar do labirinto catalán.

    27 sep 2020 / 00:50
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito