Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENQUANTO HÁ FORÇA

Non volver a casa polo Nadal

    Na súa desgarrada testemuña sobre o naufraxio europeo entre dúas guerras no século vinte, Die welt von gestern (“O mundo de onte”), Stefan Zweig recorda que, na euforia inicial da mobilización coa que o Imperio Austro-Húngaro poñía en marcha en agosto do 1914 a que se chamaría Gran Guerra e despois Primeira Guerra Mundial, uns risoños recrutas austríacos despedíanse das súas nais asegurándolles que estarían de volta en casa polo Nadal. Case todos os exércitos combatentes tiñan as mesmas perspectivas optimistas, como se o complicado enfrontamento de intereses e dominacións que se estaba a desenvolver puidese amañarse cunha sorte de duelo a primeiro sangue antes de negociar novas reparticións de poder. Catro longos anos durou aquela gran carnicería, froito da maior capacidade técnica de matar e da incompetencia de certos altos mandos militares, non afeitos a utilizar axeitadamente esa maior capacidade técnica.

    Aquela gran guerra, por certo, rematou cunha terríbel pandemia, a chamada “gripe española”, que se estendeu até o 1920 e que causou entre corenta e cen millóns de mortos. Imposíbel de contrastar as estatísticas dunha enfermidade que apareceu en países en guerra, que a ocultaron (chamouse española porque en España, país neutral, foi no único no que se falou abertamente da epidemia). Esas circunstancias impediron unha investigación e un tratamento axeitados. Da mesma maneira que non se soubo con certeza cómo apareceu, tampouco se soubo cómo desapareceu.

    Agora loitamos contra un novo virus (coronavirus, neste caso), do que sabemos moito máis do que se sabía no 1918 do virus A do subtipo H1N1 (a propia identificación do virus é posterior á pandemia de entón) e, polo tanto, esperamos que os niveis de mortalidade sexan moito menores. Pero aínda nos queda moito que coñecer sobre as súas características e sobre a súa evolución, mesmo contando coa posibilidade inminente de varias vacinas. Non coñecemos a duración da inmunidade que pode proporcionar unha vacina e imos coñecendo a duración da inmunidade dos que superan a enfermidade a medida que transcorre o tempo desde que se curaron (oito meses levan xa algúns).

    Cando o goberno español decretou o primeiro estado de alarma, alá a mediados de marzo, pensabamos que podería bastar con aqueles primeiros quince días encerrados en casa con aplausos ás oito. Mesmo cando foi prorrogándose cada quince días e comezaron as primeiras controversias a propósito dos ritmos das desescaladas, aínda conservabamos a convicción de que volveríamos ás praias (ou ás serras) polo verán e salvar un turismo imposíbel. E agora que imos pola segunda onda, con todos os diversos graos de restricións e confinamentos nos diversos territorios da España diversa, a ton coas cifras espantosas de contaxios e mortes, aínda soñamos, como os recrutas austríacos do 1914, con volver a casa polo Nadal (ás concorridas ceas en familia e aos máis concorridos cotillóns para despedir o ano, ademais do consumo compulsivo que corresponde ás datas de festa e regalos).

    Os optimistas recrutas austríacos do 1914 non puideron volver a casa polo Nadal. Moitos, carne de canón literalmente, non volveron nunca. Quizais non poder celebrar o Nadal como sempre (e todos recordamos cando non o puidemos celebrar por moi diversas circunstancias persoais) sexa a mellor maneira de celebrar a vida.

    Xosé A. Gaciño

    28 nov 2020 / 01:11
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito