Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Novas detencións a independentistas en Catalunya

    O pasado mércores 28 de outubro o titular do xulgado de instrución numero 1 de Barcelona, Joaquim Aguirre, ordenou a detención de vinte e un independentistas cataláns nunha operación realizada presuntamente contra Tsunami democratic máis a financiación dos gastos do President Puigdemont en Bélxica.

    Esta operación chega ata o absurdo de investigar se Putin ofreceu a presencia de 10.000 soldados rusos en Catalunya denantes de realizarse o 1 de outubro de 2017 o referendo de autodeterminación en Catalunya.

    A operación policial foi dirixida polo Coronel Daniel Baena do corpo militar e policial da Garda Civil.

    Algúns dos detidos foron postos en liberdade o mesmo dia e outros catro durmiron dúas noites na Comandancia da Garda Civil do Distrito Barcelonés de Gràcia, e posteriormente foron postos a disposición xudicial; os detidos acolléronse ao seu dereito a non declarar.

    Entre os detidos figura Xavier Vendrell, que foi membro nos anos oitenta do Moviment de Defensa de la Terra (MDT) e posteriormente da organización fundada por este movemento político independentista máis o Front Nacional de Catalunya (FNC), Catalunya Lliure.

    Vendrell ingresou en xullo de 1991 en Esquerra Republicana de Catalunya xunto con máis dun centenar de militantes do Moviment de Defensa de la Terra (MDT), Catalunya Lliure, o Partit Socialista d’Alliberament Nacional (PSAN) e máis da extinta Terra Lliure.

    No mes de decembro de 1992 Xavier Vendrell tivo que comparecer na Audiencia Nacional para declarar sobre temas relacionados con Terra Lliure diante do xuíz Carlos Bueren. Nesta operación ordenada en 1992 por Carlos Bueren e que, policialmente tamén a desenvolveu a Garda Civil, tamén fomos detidos Agustí Cerdà, Gustau Navarro, Jordi Vera máis eu mesmo.

    Finalmente saímos en liberdade baixo unha fianza de dous millóns de pesetas e posteriormente o caso foi sobreseído.

    Xavier Vendrell foi Secretario de Organización de ERC, deputado no Parlament de Catalunya por ERC, Conseller de Governació do goberno tripartito formado polo PSC-ERC-IC e presidido por Pascual Maragall.

    Pasou de ser perseguido pola Garda Civil a ser o xefe político dos Mossos d’Esquadra e posteriormente voltar a ser detido pola Garda Civil.

    Con estas detencións a xustiza española non para na súa carreira contra o independentismo.

    Aquí na Galiza vén de realizarse recentemente o xuízo contra 12 independentistas galegos implicados na Operación Jaro, organizado pola Audiencia Nacional contra militantes políticos de Causa Galiza e Ceivar.

    O dereito de autodeterminación, penso eu, ten de ser obxecto da loita política e non de persecución policial e xudicial.

    Se as autoridades políticas españolas non son quen de artellar unha saída política ao tema do independentismo catalán, euscaldún e galego; onde a solución máis conveniente baixo o meu criterio sería recoñecer referendos pactados, non van ser quen de rematar con estes movementos políticos policías e xuíces.

    08 nov 2020 / 00:10
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito