Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O 23-F e mais o Rei: chover sobre mollado

    As eventuais causas que motivaron a marcha –aparentemente temporal- do rei emérito a Abu Dhabi levaron a diversos antigos altos cargos políticos a defenderen o papel do monarca na construción da democracia en España. Unha defensa feita cando unha parte da sociedade –non verificable polo de agora en tanto que o CIS non o pregunta- está a rexeitar a monarquía como forma de Estado para España.

    E desa visión positiva que algúns teñen da traxectoria de don Xoán Carlos forma parte o seu papel no intento de golpe do 23 de febreiro de 1981 e a actitude proactiva que tivo para neutralizalo. Entre os moitos libros que se escribiron sobre o asunto, poucos, sen embargo, analizaron o papel de Adolfo Suárez naquela situación na que recibía presións da propia UCD e da oposición política naquel caos de –para algúns- crise económica, proliferación autonomista e terrorismo desbocado, que motivaba unha importante efervescencia nos cuarteis. Entre esas obras, cómpre lembrar Anatomía de un instante, de Javier Cercas, que disecciona con bisturí de cirurxián a figura do político de Cebreros e o seu papel naquela crise.

    Pero indo á análise estrita do intento de golpe, e malia a ampla bibliografía disponible, seguen a aparecer máis libros: recentemente, temos o de Juan Francisco Fuentes 23 febrero 1981: el golpe que acabó con todos los golpes (Taurus) e o de Antonio J. Candil 23F El golpe del Rey (Almuzara).

    O primeiro, cuxo autor é catedrático de Historia contemporánea na Universidad Complutense de Madrid, non se afasta da versión canónica, a comunmente aceptada. Esta sostén que naquel momento en que o segundo goberno de Adolfo Suárez en democracia estaba a facer augas e había diversas presións desde a propia UCD e desde a oposición política, algúns sectores involucionistas das forzas armadas pretenderon poñer remedio á súa maneira. Acción que tivo a súa expresión na ocupación do Congreso dos Deputados e na declaración do estado de guerra en Valencia, coa intervención interesada do xeneral Alfonso Armada, e que foi desbaratada pola actitude firme do rei.

    Juan Carlos Fuentes aporta, verbo de obras anteriores, algunhas novidades documentais e a maneira de colofón, unha análise das diferentes visións que foron aparecendo sobre o papel do rei, advertindo de aqueles que consideraron que este aproveitou a conxura para consolidarse na xefatura do estado. Unha visión esta forxada a partir do segundo libro que a xornalista Pilar Urbano fixo sobre o 23-F e que foi asumida tanto por sectores antiborbónicos da extrema dereita como por aqueloutros de esquerda extrema que poñen en cuestión a vixencia do “réxime de 1978”, reforzados polas sospeitas de malas prácticas económicas por parte do monarca.

    O profesor madrileño fai unha reconstrución detallada dos acontecementos, sen saírse das marxes maioritariamente aceptadas sobre o que fixo cada quen naqueles feitos, se ben non pode resolver un dos enigmas: o papel dalgúns membros do CESID, entre eles o daquela comandante José Luis Cortina, camarada e amigo do rei e visitante da Zarzuela en varias ocasións nos días anteriores ao golpe, e que resultou absolto nos xuízos posteriores.

    Este asunto, aínda non resolto, é un dos puntos de enganche que emprega Antonio J. Candil, coronel retirado, para construír a súa hipótese de que o golpe do 23 de febreiro foi organizado –ou polo menos aproveitado- para consolidar a Xoán Carlos I como rei democrático, salvando así o seu estigma de monarca designado por Franco.

    A súa descrición dos feitos parte –e non o agocha- dunha borbonofobia case militante, que o leva a situar o apego ao trono da liñaxe por riba dos intereses de España. Se ben cabería aceptar certas aparentes evidencias, xa sabemos que toda visión conspiranoica precisa de cadrar como sexa os feitos. Pero como advirte o profesor Fuentes na súa obra, cando a interpretación duns feitos resulta perfecta podemos considerar que é falsa. E a análise de A. J. Candil aparece como tal en tanto que aparte de cometer erros históricos flagrantes, fai xuízos de valor de dubidosa calidade democrática e –vítima da pulsión castrense- nunca recoñece a necesaria hexemonía do sector civil en toda sociedade en liberdade.

    Con independencia da verdade histórica, o 23-F actuou de espello dos defectos –posiblemente inevitables- que tivo a Transición. E o que case ninguén fai é preguntarse por eses defectos. Por exemplo: militares e funcionarios ¿xuraron ou prometeron a nova constitución aprobada en 1978 en lugar de conservar o acatamento aos Principios del Movimiento? Ou algunha outra: ¿que firmeza democrática tiñan aqueles políticos –incluso os procedentes da oposición antifranquista- que en 1980 estaban dispostos a facerlle un bypass á constitución aprobada dos anos antes? Ou ¿desde cando foi demócrata o rei? Porque á vista de certas amizades, as súas conviccións democráticas aparecen coma instrumentais para conservar a coroa.

    24 sep 2020 / 00:15
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito