Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O acerto está no equilibrio

    Cada día que pasa está máis claro que o sistema económico e social, mesmo os comportamento das persoas, non deberían ser iguais na etapa pos-covid. Ante todo porque non se pode obviar que nos vexamos enfrontados en pouco tempo a un novo virus, mesmo máis agresivo. Ademais, segundo a OMS até mediados de 2022 non estará neutralizado o covi19, dado que a solución debe ser mundial para evitar que agrome de novo. Lembremos que en pouco máis dunha década a humanidade confrontou outros virus, como os das vacas tolas, SARS, gripe aviar e porcina, MERS, évola e zika, polo que a OMS alertou que podía xurdir outro máis letal. E sucedeu.

    Polo tanto, sempre cómpre estar preparados para o escenario máis negativo e aprender das leccións que deixa esta pandemia. Asemade, non se pode ignorar a fraxilidade da humanidade, máxime cando está roto o equilibrio coa natureza, das que o cambio climático, menores reservas de auga, desertización, desaparición de especies, etc son unha proba. E está desfeita non é allea ao crecemento e desequilibrio demográfico, amoreamento urbano, enerxía contaminante, mobilidade estrema das persoas e bens, e de todo tipo de obxectos no espazo externo da Terra. Ao que debemos engadir a sobre explotación dos recursos, a destrución militar, etc. Todos estas son cuestións negativas que é necesario cambiar ou nas que cómpre reducir o impacto, por exemplo o turismo de masas, as mega-cidades, os suburbios degradados, o modelo de industria, o tipo de servizos, etc.

    Todo indica que hai transformacións nas que semella que existe un consenso amplo, cando menos neste intre, como en todo o relativo a fortalecer os sistemas sanitarios e basear a mobilidade en enerxías menos contaminantes. Hai excepcións nesta postura, como é o caso de Trump e Bolsonaro, máis por pura cobiza e soberbia que por ignorar a realidade. Están dispostos a usar todos os recursos para manter os privilexios imperialistas de Estados Unidos, e de clase e tamén raciais en ambos casos, polo que utilizan a pandemia para obter vantaxes. Son un exemplo máis do esgotamento do sistema, evidenciando que non abonda co poder económico, demográfico, militar, tecnolóxico, para manter anteriores privilexios, que son necesarios os medios máis crueis e a manipulación absoluta. Trátase polo tanto de propostas tácticas que non dan resposta duradeira ás contradicións e conflitos en ningún ámbito: ecolóxico, sanitario, entre clases e entre nacións, de raza, xénero...

    A resposta debe ser mundial en todos aqueles aspectos que facilitan a transmisión dos virus aos seres humanos, asi como a súa rápida expansión. E iso implica socializar o reparto da tecnoloxía e recursos territorialmente evitando que existan países que sexan lugares propicios para que agrome este ou outro virus, como tamén sucede nos barrios e comarcas de residencia das clases precarizadas, empobrecidas. Outro tanto pódese dicir respecto da desfeita climática, os incendios, as chuvias torrenciais, a desertificación, que son causa de guerras e migracións masivas e forzadas que van a máis, xerando tensións, destruíndo familias e degradando vidas e culturas.

    Todo amosa que todos estes problemas teñen unha causa común, estrutural, e que necesitan de solucións globais, que implican necesariamente unha revalorización do local e nacional, da soberanía e da xustiza social, da igualdade, do público, como modelo estratéxico e universal. Unha produción e consumo globalizado, controlado polas corporacións privadas, nun mundo exposto a urxencias sanitarias, climáticas, e por guerras e conflitos, nen sequera garante en situacións criticas o subministro de bens e servizos esenciais, como sucedeu co covid-19. Este modelo serve para concentrar e centralizar poder e riqueza nunhas poucas potencias, corporacións e grandes fortunas, en detrimento das nacións e clases subalternas. Esa é a súa esencia. Asemade, a globalización neoliberal conduciu a unha maior confrontación que vai camiño da división do mundo en bloques. É necesario e urxente atopar un equilibrio entre o nacional e o global, entre o ser humano e a natureza.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    17 sep 2020 / 00:07
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito