Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O arduo camiño do progreso

    ATOPÁMONOS, circunstancialmente, diante dunha grave afección social e de fase de cambio na estrutura e nos procesos de actuación na dinámica social. Dunha banda, as dubidosas directrices dun goberno provisional que tenta encamiñármonos cara ao confusionismo político do que denominan unha nova normalidade, e doutra banda a invasión vírica ou pandemia global do covid-19 que nos infecta a sociedade.

    Este inesperado factor veu a se introducir na tensión do desenrolo entre os sectores da produción e os do consumo, ou si se quere entre o capital e o traballo, ámbolos dous en compromiso mutuo na modernidade pesada, así como nesta modernidade lixeira é un período de descompromiso, evasividade, fuxida doada e persecución sen esperanzas. Hoxe en día no que lle din modernidade líquida dominan os máis evasivos, aqueles que teñen liberdade para se mover ao seu antollo.

    Compre lembrar aquela observación do vienés Karl Polanyi, historiador económico e social e antropólogo, na súa obra La gran transformación, cuxo titulo lembra ao hoxe utilizado para a nova normalidade, e no que se dicía que era unha ficción tratar ao traballo coma se fora unha mercancía e suxería as consecuencias das estruturas sociais fundamentadas nesa ficción.

    Non pode ser o traballo unha mercancía posto que non se pode vender nin se mercar independentemente de quen o efectúan. Tratábase, segundo o autor, de que non se podía trasladar sen trasladar aos traballadores.

    Só se podía contratar e empregar a man de obra xunto co resto dos corpos dos traballadores, e –insistía– a inercia dos corpos contratados limita a liberdade dos empregadores. Naquel tempo e naquela situación de conflitos, para supervisar o proceso do traballo e dirixilo había que ordenar e vixiar aos traballadores. Tal medida poñía ao capital e ao traballo fronte a fronte.

    Co tempo veu unha grande transformación (sendo un fenómeno oposto á teoría de Polanyi): a desencarnación do traballo humano que é a principal fonte alimentaria do capital contemporáneo. O traballo saíu do panóptico, máis o capital liberouse da tarefa que o ataba e o obrigaba a se enfrontar cos axentes aos que explotaba para lograr reproducirse e estenderse.

    O progreso non representa ningunha calidade da historia, senón a confianza do presente en si mesmo. O máis fondo e se cadra único significado do progreso está construído a partires da conxunción de dúas crenzas intimamente ligadas: que o tempo está da nosa parte e que nós facemos que as cousas sucedan. Crenzas que viven e morren xuntas, e seguen vivas mentres que quen ostentan o poder de que as cousas sucedan as confirmen a diario coas súas accións.

    Si o progreso deixa de ser evidente entre nós, é porque como tantos outros parámetros da vida moderna, foi individualizado, é dicir desregulado e privatizado. Esperemos que neste tremendo caos da mortal pandemia do covid-19 e a brutal quebra da gran industria, aqueles que ostentan o poder de facer que as cousas sucedan as confirmen.

    11 jul 2020 / 19:26
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.