Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O Casino de Santiago contra un artigo de Mario Clavell

    ESTIMADO D. Mario Clavell: Vostede manifestou recentemente nun artigo de prensa o seu malestar pola exposición de Ramón Conde no Casino de Santiago, A forza das emocións II: as manifestacións de poder, utilizando cualificativos, na nosa opinión, cando menos sorprendentes. O título do seu artigo xa é significativo: Sacamantecas de la rúa do Vilar.

    Está claro que a exposición de Ramón Conde, que é un regalo para o Casino e para a cidade de Santiago, non lle gusta, o que entendemos e aceptamos sen ningunha clase de cuestionamento. Os gustos sempre pertencen á esfera do particular, do íntimo. A nós parécenos, con todo respecto, que vostede non comprendeu a mensaxe que Ramón Conde quere transmitir: esculturas moi grandes, desnudas, sen taparrabos, sen amabilidade... di vostede. Certo, pero a realidade que ese extraordinario escultor que é Ramón Conde, o que vostede por momentos recoñece, pretende presentarnos non é a dun mundo ideal de convivencia e de cordialidade, senón o auténtico mundo real das relacións humanas, onde as relacións de poder están na base de case todos os nosos encontros. Mire ao seu redor D. Mario!

    O que pretende Ramón Conde é presentarnos como son as nosas relacións, os nosos lazos, como se estruturan, como funcionan, como forman corpo con nós e nos definen. Diríamos incluso que o que quere transmitirnos Ramón Conde vai moito máis alá: se tomamos conciencia de como funcionan os nosos mecanismos de exercicio de poder máis ou menos inconscientes, teremos a posibilidade de controlalos, de actuar con máis racionalidade e de ser menos dependentes das nosas paixóns de dominación e de poder.

    D. Mario non lle tire pedras ao mensaxeiro que denuncia un problema aínda que sexa coa forza e a crudeza como o fai Ramón Conde, servíndose non só da expresividade facial senón de todo o corpo e cun volume dunha magnitude probablemente excesiva (?) ou non porque as nosas paixóns vaia se teñen forza!

    Ata aquí cremos D. Mario que podemos chegar a entendernos pero se nos referimos ás expresións lingüísticas que vostede utiliza neste artigo, o diálogo é difícil de manter, expresións que vostede como profesor de lingua de recoñecido prestixio coñece en toda a súa dimensión. Queremos citarlle especialmente dúas frases pouco afortunadas, o título do seu artigo: “Sacamantecas de la rúa do Vilar”!!! e “Educamos la vista y la imaginación de nuestros menores (Vostede?) pero hay malvados que buscan corrompelos!!! Nós?, Ramón Conde?, O Casino? Non lle parecen expresións excesivamente graves para o profesor de recoñecido prestixio que é vostede?

    Finalmente insistirlle que non queremos debater con vostede sobre as súas preferencias artísticas, pero a súa recomendación aos creadores de como deben crear, indicándolles por exemplo o uso de taparrabos (sic), non lle parece un pouco ou un moito exaxerada? Deixe D. Mario os artistas crear con grandeza e liberdade como é o caso de Ramón Conde, porque como nos recorda Paul Valéry cunha fermosa frase, que brilla na praza de Trocadéro en fronte da torre Eiffel, “TODA PERSOA CREA SEN SABELO COMO RESPIRA”. Concordará con nós e con Paul Valéry, sen dúbida, que esa é a grandeza do ser humano: CREAR EN LIBERDADE.

    Para rematar queriamos compartir con vostede unha anécdota que ten que ver coas dúas exposicións que hoxe conviven no mesmo salón do Casino en perfecta harmonía, a de As manifestacións de Poder de Ramón Conde e a de “Lorca, Compostela e os Seis Poemas Galegos. Nun dos paneis da exposición sobre Lorca cóntase o secuestro do manuscrito da obra de Lorca Amor de don Perlimplín con Felisa en su jardín por parte da policía da Dictadura de Primo de Rivera. Motivo: erotismo excesivo.

    Pura Maortua, sogra de Ernesto Guerra da Cal e fundadora con Lorca do grupo de teatro Anfistora, conseguiu recuperar o manuscrito das mans da policía, unha auténtica proeza no Madrid dos anos 1920. A súa filla Margarita Ucelay Maortua, primeira muller de Ernesto Guerra da Cal, nos anos 80 volve a España despois dun longo exilio en Nova Iorque e será a editora desa obra de Lorca que a súa nai gardara celosamente durante preto de 40 anos. Unha obra que sen dúbida vostede coñece moi ben e que probablemente compartiría co seu alumnado de bacharelato sen ningún motivo de escándalo. Concordará con nós que propor normas de censura como as que vostede insinúa pode conlevar auténticas aberracións.

    Estimado D. Mario Clavell, disentindo con firmeza pero con toda cordialidade, un saúdo do Casino de Santiago invitándoo a volver a contemplar a exposición de Ramón Conde con outra mirada e a de Lorca, compostelán fascinado por Compostela pero tamén homosexual e cristián como nos recordaba recentemente Ian Gibson.

    Invitación que facemos extensiva a toda a cidadanía de Santiago. Dúas exposicións que falan de Nós, de Compostela e dos composteláns de 1932 e de hoxe, de Martínez–Barbeito, Cunqueiro, Carvalho Calero, Del Riego, Maside ou García Sabell, ata Navia Franco, Joel Gómez ou Ramón Conde, que con moita ilusión colaboraron na organización destas dúas exposicións e a todos os que no día a día axudan a construír unha Compostela máis xusta, máis xenerosa e máis ambiciosa.

    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito