Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O césar e a facenda

    Nunca fun de facer leña da árbore caída e sempre fiquei na expectativa ou incluso na maior das perplexidades. Sucédeme isto cos fondos opacos dos que o aínda rei emérito –agora rei ausente-tivo ao longo da súa vida, moi especialmente a partir do momento de ocupar o trono.

    Cómpre non esquecer que foi educado nesa dobre moral dunha ditadura organizada –máis alá da defensa do Occidente cristián- como unha auténtica cleptocracia, como comentei días atrás noutro apartado deste xornal a propósito de Demetrio Carceller, e como quedou evidente agora cando os medios de comunicación repasaron a peripecia dos Franco con Meirás. Pero tamén tivo a influencia –menos ou maior pero influencia ao cabo- do seu pai, Don Juan de Borbón, con fondos ocultos no estranxeiro e sen mostras de escrúpulos cando quixo vender a illa de Cortegada, herdada do seu pai, que a posuíu tras ser expropiada aos seus veciños.

    En definitiva, unha educación de barra libre que ignoraba os (amplos) límites salariais que lle outorgaban os Presupostos do Estado e os máis elementais criterios éticos. Porque, ao cabo, se aceptaba exercer de rei dun país pobre, tería que facelo como monarca pobre. Doutra banda, e con independencia de se foi obxecto de regalos e doazóns, poucas conviccións éticas e democráticas tería cando as súas preferencias de amizade tiñan como destino monarquías de corte medieval, que vulneran coma poucos estados os dereitos humanos máis elementais.

    Unhas prácticas –estas de dispoñer de fondos opacos- que, polo visto, foron habituais desde hai anos, co misterio daqueles xestores dos seus negocios, como foron Manuel Prado y Colón de Carvajal e Javier de la Rosa, dous persoeiros que coñeceron cadea e que xestionaban presuntamente contratos de petróleo que favorecían ao monarca. Pero a velocidade de cruceiro desas supostas prácticas irregulares colleu inercia dabondo e non houbo maneira de frealas despois da abdicación: velaí esa xenerosa doazón dun empresario mexicano que agora, parece ser, é obxecto da regularización feita na Facenda por un avogado que representa ao rei.

    Dúas dúbidas asaltáronme de entrada. A primeira. Estando ausente o emérito desde agosto, ¿deixou poderes ao avogado Javier Sánchez-Junco para que o representase a todos os efectos? ¿entraba nesa prerrogativa tratar coa Axencia Tributaria a regularización desa doazón do empresario mexicano? ¿a cantidade para abonar declarada, ao céntimo, coincide coa que a Facenda podería reclamar?

    A segunda. Xa sabemos que a xenerosidade diminúe conforme aumenta a riqueza que se posúe. ¿Houbo algún tipo de contrapartida (tecnicamente e en vocabulario xurídico en castelán “cohecho impropio”) a esa doazón? As autoridades xudiciais e fiscais xa dixeron que sería difícil coñecer a natureza de tales fondos pola negativa das autoridades de Irlanda, país onde se situaba a orixe das transferencias que a través dun home de palla (ese coronel Nicolás Murga) daban cobertura a uso de tarxetas negras.

    A partir de tal axioma sobre a limitada xenerosidade dos ricos, cabe unha sospeita. Sabendo que os cartos en negro sempre son gañados de maneira doada e con moita marxe, ¿cabería unha operación ponte entre cartos do monarca ocultos transferidos a Allen Sanginés-Krause para que este os fixese seguir ao coronel? Evidentemente, con comisión por colaborar. Suposto que supoñería branqueo de capitais, eventualidade que a fiscalía segue a investigar.

    E ao fío do anterior –e como sucede con moitas fianzas que os xuíces aplican- caberá ver a condición dos cartos que serviron para esa regularización fiscal. Non esquezamos que cando o rei ausente cobraba o seu salario xa ía corto de chaleco (que dicimos en catalán: “anar curt d’armilla”). Cabe supoñer que despois que o seu fillo, Felipe VI lle retirou a asignación, poucos aforros terá no banco. Daquela, ¿de onde saíron eses case 700.000 euros? Tranquiliza que as autoridades están a investigalo, coa esperanza que dean luz a tal misterio. Claro está que a urxencia coa que se quixo resolver o asunto pode provocar que o tiro lles salga pola culata. Unha vez deixado sentado que o rei ausente foi un defraudador, as autoridades non teñen máis alternativa que investigar o seu patrimonio, mobiliario e/ou inmobiliario, e obviamente a súa orixe.

    Joaquim Ventura

    12 dic 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito