Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O chachá do tren

    “VELAÍ ven, velaí ven avantando...” Así saudaba Manuel Curros a chegada da primeira locomotora a Ourense. Agora semella que pretenden que revivamos aquel milagre da “nosa señora de ferro”, convertida en AVE, cando xa hai máis de 30 anos que está voando cara Sevilla.

    Pero o AVE non chegou a Auria, quedouse a 17 quilómetros, en Taboadela. Desde o intercambiador ven rousando coma liscancer até o Empalme. Nese anaco aínda non se moveu unha pedra para construír unha vía ao xeito.

    E tiveron tempo desde aquel 2 de maio de 1988 cando o ministro Abel Caballero anunciaba a chegada do AVE para 1993.

    Botaron vinte anos de propaganda... E dez de obras, desde aquel outro 21 de xullo do 2001 cando Aznar, Fraga, Cuíña e Cascos puxeron a primeira pedra, preto de Santiago, do que sería a reforma da vía A Coruña-Vigo.

    O AVE ven de Madrid a Taboadela, pero non avanta por Galiza adiante. En puridade, o AVE so ten 120 quilómetros en Galiza.

    Para rematalo, non só son necesarios outros trens, como afirma a propaganda. Aínda falta por executar a terceira parte das obras que son necesarias para que o tren circule en alta velocidade.

    Pero quen quere lembralo? Núñez Feixóo afirmou que era “un grande día para Galicia e para España”. Que máis dá que sexamos os últimos! Xa podemos ir a Madrid en dúas horas e cuarto..., desde Ourense!. Que importa que do Barco a Vigo leve cinco horas. Ou case tres de Lugo a Santiago. Que importa que o tren da Costa esmorecese. Ou que sexa case imposíbel viaxar no ferrocarril d’A Coruña a Ferrol.

    A Madrid, a Madrid... Xa podemos viaxar a Madrid... A quince euros a viaxe! De Compostela a Ourense custa 17,70 o máis barato. Así que é mellor mercar o billete a Madrid e baixarse na cidade das Burgas.

    A Madrid, a Madrid... Que máis da que Galiza non teña trens de proximidade e que se supriman a maioría das estacións, algunhas tan importantes como foi a do Carballiño.

    A Madrid, a Madrid... Cando o tren chegou por primeira vez a Ourense desde Vigo, hai cento cincuenta anos, só lle levaba o dobre de tempo.

    A Madrid, a Madrid, votantes!

    27 nov 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito