Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O Código Penal non é un diccionario

    HAI uns días comentábame un amigo que non comprendía por que o ensañamento penal non é como o que se entende na rúa. Este meu amigo non é xurista e preguntábame, quizais con certa razón, por que os Tribunais non apreciaban esa agravante cando nun asasinato houbera, por exemplo, trinta puñaladas.

    Púxose en marcha a miña máquina pedagóxica e expliqueille que, en Dereito Penal, figura do ensañamento supón sempre querer provocar maior dor na vítima e provocalo de verdade (“aumentar deliberada e inhumanamente a dor do ofendido”, di literalmente o noso Código Penal). Metida en faena seguín explicándolle que, se a primeira puñalada xa provoca a morte, a ciencia forense confirma que a vítima non sufrira. Xa que logo, non hai ensañamento pola inexistencia de sufrimento real e, ademais, daría igual que o asasino quixese causar pouco ou moito sufrimento, xa que os desexos nunca delinquen.

    Trala explicación, o seu comentario fíxome pensar, porque hai tempo que lidio con estas distorsións entre a vida real e todo o que está relacionado co mundo xurídico e que poden ter a súa orixe na idolatrada identificación do Dereito coa Xustiza, que non son iguais nin teñen por que selo. O primeiro fórmano ese conxunto de normas xurídicas que rixen as nosas vidas e que dan unha solución (non a única posible) a un conflito concreto, mentres que a segunda é un principio inspirador cara o que sempre debe camiñar un Tribunal cando interpreta esa norma, pero que non sempre dá acadado. Diría máis, acádase para a parte que gaña o pleito e sempre será unha solución inxusta para aquela que o perde.

    E así cheguei a unha entrevista a dous membros de sendas asociacións xudiciais historicamente antagónicas, que curiosamente concordaban no feito de que a cidadanía “non sabe” distinguir o Consello Xeral do Poder Xudicial do Poder Xudicial en si mesmo, polo que, como consecuencia, percibe que os políticos nomean a xuízas e xuíces.

    Pareceume bastante prepotente o matiz de “non sabe”, sobre todo porque levamos corenta e tres anos de Democracia e de separación de poderes no país, así que quizais non estea ben botar balóns fóra. Dá traballo, pero a quen non sabe deberíase ensinar, tal e como fixo a Sala Segunda do Tribunal Supremo no xuízo do procés, que esas dúas persoas entrevistadas poñían de exemplo. Á marxe da dita prepotencia, é certo que eu tamén aprecio que hai confusión: o Poder Xudicial só o forman as persoas que están á fronte dos Xulgados e Tribunais e que ditan sentenzas todos os días; elas e eles son como os mestres dunha escola, para nos entender.

    Pola contra, o Consello Xeral é un órgano de goberno, así como a dirección dese mesmo centro escolar. Non dita sentenzas, non imparte xustiza, mais ten un importante labor organizativo e divulgativo que axudaría moito a xerar confianza e a asentar a lexitimación do Poder Xudicial que, na miña humilde opinión persoal, precisa do control polas cámaras que representan á soberanía popular.

    A conclusión do dito é que todo o relacionado co Dereito –que cada vez máis asolaga a nosa vida diaria– precisa de reflexión, profundidade, pedagoxía e honestidade. Con isto refírome a que o Código Penal, que non se pode pretender que sexa un dicionario, castiga calquera acto (sexual ou de outro tipo) realizado sen consentemento, e ata o castiga con máis dureza cando concurren violencia ou intimidación. Citando a outro amigo que si é xurista (e dos bos), “afirmar que o actual Código Penal non se centra no consentemento ou esixe para apreciar delito que a muller se resistira é, sinxelamente, falso”. Moita ensinanza por facer...

    15 may 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito