Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O docenio de Feijóo

    DOCE é número simbólico. Desde a mitoloxía grega (doce eran os deuses de Olimpo), as tribos de Israel e os apóstolos de Cristo ata os meses do ano, as horas do día, unidade de medida e mesmo os membros do Goberno galego, incluído o presidente, son unha ducia. Para definir este período de tempo non hai un termo aceptado polos dicionarios da Real Academia Galega nin da Española, pero nalgúns ámbitos e lugares emprégase docenio. Unha ducia de anos é o que Feijóo acaba de cumprir estes días á fronte de Galicia.

    Esta semana do mes abril de 2009 tomaba posesión como presidente da Xunta por vez primeira. Despois faríao en tres ocasiones máis consecutivas (2012, 2016 e 2020), sempre con maioría absoluta e mellorando os resultados da anterior elección. Non resulta fácil atopar no que vai de século casos semellantes en países homologados democraticamente co noso. Nin tampouco dentro de España. Os longos mandatos de González e dalgúns presidentes autonómicos corresponden ao século pasado.

    Tras agromar de súpeto o pluripartidismo –veremos se dura– como consecuencia da crise e a eclosión dos populismos, resulta tremendamente difícil gobernar en solitario co sistema electoral español. O caso galego é unha rara avis, máis se cabe lidando cunha gravísima crise económica primeiro e agora sanitaria, de proporcións e intensidade inimaxinables. Ambas ocuparon practicamente o docenio, coa seguridade dos seus efectos no decurso dos tres anos longos que lle quedan neste cuarto mandato.

    Toda xestión é mellorable, como que poidera ter sido peor. Sempre veremos luces e sombras. Cada quen fará a súa avaliación, subxectiva por natureza, pero a nota obtida nas tres reválidas é irrefutable. Trabucouse o tribunal popular? O corpo humano –corpo electoral neste caso– pode tropezar unha ou dúas veces na mesma pedra, pero unha terceira non figura nin no refrán.

    As competencias da Xunta, como as de todos os gobernos autonómicos, están orientadas a xestionar fundamentalmente o eido social: sanidade, educación e servizos sociais. Os resultados que ofrecen estas áreas no docenio superan, en termos relativos, as medias estatais. A percepción dos cidadáns, a teor do que recollen as enquisas a día de hoxe, tamén é positiva.

    No plano ideolóxico Feijóo logrou atraer o espazo que vai desde o centro esquerda á dereita, e no identitario a boa parte do galeguismo, grazas en parte aos vieiros tomados pola oposición nos últimos tempos. O BNG de Pontón escórase cara ao independentismo, achegándose a ERC e Bildu, mentres que o PSdeG de Caballero perdeu a pouca voz propia que sempre caracterizou ao socialismo galego.

    Do pasado apréndese, pero non deixa de ser historia. Agora toca, por tanto, xestionar o presente e prepararse para o futuro. O gran desafío dos próximos anos, esperando unha próxima superación da pandemia, será a economía. E de maneira urxente en Galicia a crise industrial que está a pechar incluso as grandes empresas. Non será doado. Ás dificultades do momento e estructurais hai que engadir a escasa predisposición do Goberno de Sánchez cara esta terra. Sobran exemplos: Navantia, Alcoa, As Pontes, Cerceda, Ence... De cara o futuro, pidamos o imposible: un acordo de país.

    22 abr 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito