Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O espectáculo da política

    NO medio deste brutal caos da pandemia do coronavirus que dende mediados do mes de marzo se expande globalmente in crescendo, sería un erro descartar o renacido comunitarismo da época como un resaibo de instintos aínda non erradicados, que serán neutralizados ou disoltos polo progreso da modernización; igualmente erróneo sería atribuílo a un momentáneo fracaso da razón.

    Cada entorno social promove a súa propia clase de racionalidade, infunde o seu propio significado á idea dunha estratexia de vida racional. Agora que o reino da política se reduce á confesión pública, á exhibición pública da intimidade e ao exame e censura pública das virtudes e vicios privados; agora que o tema da credibilidade da xente en público reempraza a consideración de que é e que debería ser a política; agora que a visión dunha sociedade boa e xusta está ausente do discurso político, non é raro que as persoas se convertan en espectadoras pasivas dun personaxe político que lles ofrece os seus sentimentos e as súas intencións, en troques dos seus actos, para que os consuman.

    Nembargantes os espectadores non agardan moito dos políticos, tal como só agardan doutros personaxes ante as candilexas duns bos espectáculos públicos. E así o espectáculo da política, como outros espectáculos públicos, se convirte nunha mensaxe incesante e monótona que repite e repite a prioridade da identidade sobre dos intereses, ou nunha constante lección pública que reitera que a identidade é o que importa, e que o que conta é quen é cada un e non o que fai.

    Mesmo como afirmara Thomas Mathiesen, a poderosa metáfora do panóptico de Bentham e Foucault xa non representa a maneira na que funciona o poder. Mathiesen sinala que temos pasado dunha sociedade estilo panóptica a outra sinóptica. Faise necesario reiterar estas verdades unha e outra vegada. Hoxe a obediencia ao estándar tende a se lograr por medio da sedución, non da coerción... e aparece embaixo do disfrace, no canto de se liberar como unha forza externa.

    Faise preciso expresar estas verdades unha e outra vez, xa que o “concepto romántico do ser”, que supoñía que unha esencia interior máis fonda se ocultaba embaixo da aparencia externa e superficial, tende hoxe a ser artificial reanimado pola acción conxunta do que Paul Atkinson e David Silverman denominaron atinadamente “a sociedade da entrevista” (que usa as entrevistas chat-shows para revelar o persoal, o eu íntimo do suxeito) e a investigación social de hoxe, que tenta chegar á verdade subxectiva do ser, provocando e diseccionando relatos persoais coa esperanza de atopar neles unha revelación da verdade interior.

    A posibilidade de autenticidade é altamente cuestionábel. Numerosos estudios demostran que os relatos persoais son meros ensaios de retórica pública que os medios destinan a “representar verdades subxectivas”. A inautenticidade dese eu supostamente auténtico está encuberta polos espectáculos de sinceridade: os rituais públicos de entrevistas fondas en aparencia nova.

    15 nov 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito