Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O futuro da Memoria

    ESTE 19 de agosto cumpriranse 85 anos do asasinato de Ánxel Casal, aparecido nunha gabia en Cacheiras. O alcalde de Santiago pagou co seu sangue a defensa da liberdade e da democracia e María Miramontes, a súa compañeira de compromiso político e de vida, tivo que reiniciar unha nova vida no exilio, lonxe da súa terra, onde xa non retornaría. Son moitas as incógnitas que se abriron para saber que trasladaría María no baúl que levou con ela (que obxectos e documentos, transcendentes para o noso país) e a historia das causas de que nunca o saibamos están estupendamente ben contadas por Ernesto Vázquez Souza, investigador que dedicou anos a coñecer unha parte crucial da nosa historia contemporánea. Como magnificamente relatada por Montse Fajardo está a incerta vida de Virxinia Pereira, esa muller de quen tan pouco soubemos durante demasiado tempo. Diso trata a memoria histórica. De saber quen fomos e como aconteceron os feitos. Para que non nos conten mentiras, para que non nos enganen.

    Outro investigador, Carlos Babío, percorreu arquivos e lugares para documentar o proceso de extorsión e fraude que supuxo o roubo de Meirás por parte de Franco (e dos Franco e das elites coruñesas). Xunto con Manuel Pérez escribiu o libro Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio, a obra que sinalou un punto de inflexión no camiño pola recuperación para o patrimonio público galego de Meirás. Hoxe ninguén se atreve a cuestionar que Franco argallou enganos para se facer con determinados bens, nunha confusión interesada entre a Xefatura do Estado e a súa propia persoa e que perdurou tras a súa morte. Porque o máis escandaloso non é o espolio de Meirás, senón que até os 90 as institucións continuasen prestando servizo aos Franco e que non se interpuxesen demandas para que todo o roubado pasase ao patrimonio público.

    E, entre o roubado, continúan as estatuas do Mestre Mateo, esas sobre as que Francisco Prado-Vilar documentou as irregularidades para Franco facerse pasar polo seu lexítimo propietario. Que o patrimonio mateano poida non estar en Santiago e continuar en mans privadas é unha anomalía democrática de tal magnitude que debería darnos vergoña! O que mostra é o escaso grao de democracia que posuímos e a continuidade das prebendas do réxime. Mentres tanto, Santiago de Compostela, o Concello de que Casal foi alcalde, non ten unha estatua dedicada ao editor de Nós, a editorial que tanto fixo pola cultura e a lingua galegas. E o Concello non realiza estes días un acto de homenaxe a ese seu alcalde, lembrando o seu asasinato e a represión franquista que segou tantas vidas. E ben podía aproveitar este momento para reclamar que o Estado interpoña xa a nova demanda para recuperar as estatuas do Mestre Mateo. Foi o BNG o que solicitou, no Concello e no Parlamento, que novas descubertas abriran novas vías para as estatuas volveren a Compostela, de onde nunca deberon saír. O tempo corre en contra de nós e é difícil entender tanta pasividade acumulada.

    Con tanto aínda por facer, é unha ledicia coñecer que este agosto un grupo de mozas e mozos deciden botar a andar un novo colectivo, a Mocidade Galega pola Memoria, co obxectivo de lle dar continuidade ao activismo memorialístico e de que non nos rouben o dereito a coñecermos a verdade, a descubrir –a tempo– o que viaxou na maleta de María camiño de Bos Aires.

    A memoria humana é fraca. Ás veces, mirámonos no espello e non nos recoñecemos. Por iso precisamos ter persoas referentes, investigadoras, activistas, persoas que dediquen unha parte do seu tempo a recuperar voces, historias, obxectos, documentos, e a divulgar estes logros. Para construír un futuro de esperanza cómpre mirar atrás, saber de onde vimos, para deseñar, cando menos, o que non queremos ser.

    Por todo isto, o nacionalismo galego desenvolve un acto de recoñecemento a Ánxel Casal o día 18 de agosto en Santiago, a Casal e a todas as vítimas do 36. Por iso contaremos nesta ocasión con Carlos Babío. Porque na Memoria está o noso futuro.

    17 ago 2021 / 01:01
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.