Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O futuro xa é dos valentes

    Á miña memoria chegan ecos daquelas eleccións municipais nas que, sendo eu unha nena, o meu pai formaba parte dunha lista coas iniciais do Partido Socialista na cabeceira, nun tempo no que dar a cara por un partido político –e ademais de esquerdas– era moito máis difícil ca hoxe, nun tempo no que só as persoas máis comprometidas da sociedade se expoñían. Acordo perfectamente agardar ata a noitiña polos que remataron sendo uns malos resultados, mentres asabamos chourizos na cociña dos meus avós.

    Moitos anos despois, precisamente por esas acordanzas que quedan na retina, lembro cando no PSOE se debatía sobre o proceso de primarias e algunhas persoas as defendiamos para elixir a quenes nos representarían tanto interna como institucionalmente. Mentres, moitos outros militantes criticaban o sistema, aínda que finalmente o aceptaron e ata o abrangaron con efusión. Transformámonos logo nun partido pioneiro.

    Resulta evidente que en todos os colectivos humanos –iso é á fin e ao cabo un partido político– as sensibilidades son moitas. E todas son lexítimas e respectables. Se así non fose, sería imposible a existencia dun partido como o PSOE que, ao longo de máis de 140 anos e sen mudar de iniciais, ten sido capaz de se transformar ao ritmo da sociedade, protagonizando os grandes cambios do país.

    Ao redor das primarias, hai escasamente medio mes, uns 10.000 militantes do PSdeG, cada quen coa súa sensibilidade, fomos chamados a elixir democraticamente ao noso secretario xeral en Galicia. Escollemos para esa tarefa, por case un 60% fronte a menos dun 40%, a Valentín González Formoso, quen foi capaz, non só de vencer, senón tamén de convencer á maioría sen mesturar en ningún momento a vida orgánica coa institucional. Ousaría dicir máis, nin sequera coa vida ordinaria.

    Xa que logo, é tempo de se poñer a disposición do gañador para traballar con lealdade e responsabilidade, cada quen no seu sitio, cada quen nesa faceta da vida que antes dicía que nunca se debe mesturar. Porque se é certo que nun proxecto colectivo non sobra ninguén, non o é menos que ha de ser o secretario xeral proclamado quen conforme a súa equipa, sumando todas aquelas sensibilidades.

    Non esquezamos que o Partido Socialista é un partido de diálogo que, con lealdade, ata dá feito pactos con quen pensa diferente cando convén ao país. Como non vai ser quen de pactar o noso secretario xeral con compañeiras e compañeiros de partido! Ten ao seu favor a solidez das súas conviccións e a afouteza do seu liderado.

    O obxectivo é claro, mudar Galicia nun país máis xusto e máis solidario. Primeiro comezando grandes cambios no PSdeG para nos converter nun partido que non se contente con berrar na rúa contra a dereita detrás dun cartaz nin con berrar aos catro ventos verbas fermosas e vellos triunfos, senón transformándonos nun partido de goberno e que sexa útil na futura transformación social que precisamos.

    Se algo nos aprendeu a pandemia da covid-19 é que ninguén agarda por nós e que a cidadanía require máis e mellores servizos públicos, institucións públicas máis fortes e políticas máis solidarias.

    Queda por diante todo un futuro de adicación pública, sen renunciar aos nosos principios. O futuro xa é dos valentes.

    23 nov 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito