Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O goberno de Armada con presuntos comunistas e socialistas.

    Falaba o domingo pasado do golpe de Estado do 23-F, houbo alí un persoeiro galego que pretendía ser presidente dun goberno de concentración onde estiveran presentes presuntos comunistas e socialistas do PCE mais do PSOE.

    Este persoeiro era o xeneral Armada (marqués de Santa Cruz de Rivadulla) que vivía a uns poucos quilómetros da miña casa.

    Fálase que entre os membros do PSOE que serían propostos para estar presentes nese goberno estarían os irmáns Mújica Hergoz. Defensores de Israel e inimigos dos palestinos con mando e praza dentro do PSOE de Felipe González e Alfonso Guerra.

    Despois do golpe de Estado do 23-F, precisamente o PSOE, fixeron varias cousas unha vez xa estaban gobernando. A lei de Harmonización do Proceso Autonómico (LOAPA), a lei Antiterrorista que permitía interrogar os detidos en Comisarias da Policía Nacional e Cuarteis da Garda Civil durante dez días denantes de pasar a presencia xudicial. E creouse tamén o tristemente famoso GAL (onde está xuridicamente demostrado que participaron o ex ministro de interior do PSOE, Barrionuevo mais Rafael Vera).

    O golpe non trunfou tal e como quería o Tenente Coronel da Garda Civil Tejero, pero trunfou precisamente cando gobernou o PSOE de Felipe González e Alfonso Guerra con moitas iniciativas lexislativas e noutras que incluso eran de guerra sucia do Estado.

    Non foi Armada o único galego que gobernou ou pretendeu gobernar España dende a extrema dereita, e incluso perseguindo as singularidades das nacións periféricas que formamos parte dese Estado.

    Non esquezamos que o propio Francisco Franco era galego, Mariano Rajoy era galego, o propio Armada era galego... ata Feijóo coqueteou con esa posibilidade. Dentro da casuística de que haxa moitos galegos que prefiran gobernar España denantes da Galiza hai moita xente.

    Non é o caso de Catalunya ou de Heuskal Herria. Nestas nacións tanto o hexemónico nacionalismo catalá como o de Heuskal Herria sempre priorizaron gobernar as súas nacións sen Estado antes que en gobernar en Madrid.

    Nesa etapa histórica tanto Jordi Pujol como Xabier Arzalluz tiñan no centro dos seus pensamentos e dos seus actos o goberno das súas propias nacións.

    Queda moito por saber sobre o que realmente pasou aquel 23-F e moitas desas cousas estarán nos papeis segredos que ten o Estado sen facer públicos, e outras cousas non figurarán por escrito. Armada morreu sen soltar prenda.

    07 mar 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito