Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O golpe de Estado do 23-F

    Cando escribo este artigo é precisamente 23 de febreiro de 2021, e hai exactamente corenta anos do golpe de Estado máis famoso de todos os intentos que houbo por parte da extrema dereita militar e civil.

    O golpe do 23-F fíxose famoso porque o puidemos ver todos en directo pola televisión, porque esta circunstancia provocou que ás seis horas de ter comezado o golpe saíra Juan Carlos I pola televisión (demasiado tempo calado, penso eu). Porque secuestraron a todos os deputados en sede parlamentar durante horas.

    É este o golpe máis famoso, pero non o único. Incluso aquí na Galiza houbo un intento de voar con explosivos o palco das autoridades nun desfile o día das forzas armadas. Lémbrome de escoitar a Felipe González, cando xa non gobernaba, dicindo que “algún día falaremos do que pasou na Coruña”; diso hai anos e aínda non dixo nada máis.

    Con respecto ao golpe coñecido como o 23-F, hai organizacións políticas que corenta anos despois piden que se fagan públicos os documentos oficiais que falan sobre este golpe de Estado.

    No momento de escribir este artigo é 23 de febreiro de 2021 pero aínda non comezou o acto oficial que vai rememorar a data. Neste acto sabemos que vai estar presente o fillo do daquela rei de España Juan Carlos I e actual rei, Felipe VI.

    Tamén sabemos que non estará Juan Carlos I como consecuencia do seu autoexilio de luxo nos Emiratos Árabes Unidos.

    Os que tampouco van estar presentes por decisión propia son as organizacións políticas BNG, ERC, Bildu, Junts, PDeCAT e CUP.

    Deste xeito o soberanismo galego, catalá e de Euskal Herria non queren participar nun acto que non vai ser outra cousa que un acto de apoloxía a favor da Constitución española de 1978.

    Lembro perfectamente como me pillou a min aquel 23-F. Eu tiña quince anos e xa tiña carné das Joventuts Comunistes de Catalunya, as mocidades do antigo PSUC onde militei un ano antes de ingresar no PSAN e abrazar o independentismo para o resto da miña vida.

    Ao día seguinte tiña un exame e díxenlle a un amigo meu que non podía saír porque tiña que estudar. O meu amigo presentouse igual na miña casa de Barcelona dicindo que se estaba a dar nese momento un golpe de Estado, prendemos o radio e soubemos que a noticia que traía era certa.

    Fomos a unha cabina telefónica chamar o meu responsable das JCC e este díxome que ao día seguinte fose ao instituto e que alí os profesores que formaban parte do PSUC xa nos dirían o que tiñamos que facer. O 24 de febreiro fixemos pancartas, unha pequena mobilización e todo o que unha xeración de quince anos podía facer.

    Agora os golpes de Estado, ou os seus intentos, xa son diferentes. En troques dun Tenente Coronel da Garda Civil armado, fainos a Policía patriótica do ex presidente Rajoy.

    28 feb 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito