Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 27 julio 2021
03:05
h

O lado escuro da soidade

    SOIDADE. Sentimento que todos expe-
    rimentamos nalgún momento e leit
    motiv
    de numerosas obras literarias,
    cine, pinturas... Podemos estar socialmente illados e non sentir soidade e ao revés, socialmente moi acompañados pero terriblemente sós.

    Foi no 2018 cando Reino Unido creou o Ministerio da Soidade para afrontar un problema que afectaba a nove millóns de habitantes, unha gran maioría anciáns. En Galicia, cunha poboación sumamente envellecida, tamén sabemos de que vai o tema e case todos identificamos rapidamente diversas causas, razóns, xustificacións, escusas... que están na orixe desta situación como son, por exemplo, o feito de que sexamos máis lonxevos, que os fillos marchen da casa dos proxenitores, a falta de tempo, que amosemos moito menos interese por escoitar e acompañar os maiores e moito máis por ter ...

    En febreiro foi Xapón, país que asociamos con costumes silenciosos, o que tamén creou un Ministerio de Soidade pero por motivos distintos. Durante o confinamento e a pandemia constatouse unha taxa altísima de suicidios que afectou sobre todo a mulleres e a menores de idade. Faleceron máis persoas por este motivo ca polo coronavirus!

    Xa non estamos a falar só de anciáns que acaban morrendo de e por soidade senón de mulleres e de menores de idade que se matan. A soidade non só engole persoas maiores, xubiladas ou marxinadas, senón tamén persoas novas sobre todo mulleres, nenos, nenas, adolescentes, empresarias, médicos...

    É dicir, encontrámonos ante un problema estrutural importante que afecta á saúde mental e, polo tanto, tamén á produtividade e ao índice de mortalidade dun país. Tanto, que os gobernos vense na obriga de intervir e propor solucións para atallalo. Solucións que pasan por crear redes e programas de participación comunitaria, de inclusión de maiores, de persoas que vivan soas etc, etc. pero que, en realidade, non van á cerna desta lacra.

    Asistimos, queirámolo ou non, a unha gran transformación nos modos de vida e nas actitudes sociais, a unha época onde “o tempo é ouro” e preferimos comunicarnos a través dunha pantalla, unha época que nos leva a infravalorar e a esquecer a importancia das miradas, dos sorrisos, da palabra, da escoita e da conversa, da tenrura, da confianza... Actitudes e valores que precisan TEMPO –do que dá Deus de balde– para crear relacións coas que alegrarnos, coas que sufrir, aprender, que nos axudan a vivir, a sentir que existimos e a sentir o que somos e, por suposto, relacións que nos afastan do lado escuro da soidade.

    09 abr 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito