Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O Muli

    Un dos mellores profes que tiven no colexio, o Muli, era o de literatura. Facíanos escribir moitas redaccións e todas debían seguir o mesmo patrón: introdución, desenvolvemento e conclusión.

    O ano da selectividade, aínda que só entraba literatura española, díxonos que estudaríamos tamén a estranxeira como sempre. Imos suspender!, pensei. Pero aprobamos porque, o que o ano anterior era pura memorística, converteuse nalgo apaixonante. Como cando nos dixo que Crime e castigo se seguía estudando nas academias da policía porque ninguén describía tan ben a psicoloxía dos criminais como Dostoyevski.

    Outro profe moi bo era o de cine. Aínda recordo a película que fomos a ver dun tolo que, despois de subir a un depósito dunha estrada de EEUU cun rifle, comezou a disparar aos condutores. Logo fíxonos reflexionar sobre as consecuencias de ter armas na casa.

    Nas últimas películas que vin, Adonde vas Bernadette e Cora, acordeime de ambos. A súa protagonista é unha muller que, ata que non se decide a facer aquilo para o que naceu, non é plenamente feliz.

    Bernadette, que foi unha dos mellores arquitectos de Estados Unidos e logo deixou a profesión, odia todo contacto social. Por iso, cando ve que ten que ir co seu marido e a súa filla Bee á Antártida porque lle prometeron a Bee cumprir o seu soño se aprobaba, o mundo caéselle encima porque tiña que ir nun barco cheo de xente.

    Sorte que un amigo se atreveu a dicirlle que tiña que “mover o cu” e volver ao seu porque era unha creativa e senón non volvería a ser a auténtica Bernadette. E en plena crise de agorafobia, logo de escapar da casa porque ían a ingresala nun centro, vaise á Antártida soa; esperando, como sucedeu, que irían a atopala alá. Pero atopárona nunha illa perdida onde había unha estación polar pendente de remodelar, á que foi para ver como era e presentar un proxecto que acabaron encargándolle. A máis de inspirarse no espazo onde estaba, necesitaba comprobar cantas mulleres había para facer os baños, a neve que había para deseñar os piares móbiles que elevarían a estación...

    Pola súa banda a protagonista de Cora, Ruby, é a única da familia que non é xorda e pasa todo o día no negocio desta e, aínda que sinte que o seu é a música, non se decide a acudir a unha proba para poder cantar por non deixar a súa familia. E so unha vez esta comprende que ten un don especial cando ve que a xente chora e se emociona cando actúa, acude á proba facendo unha gran interpretación utilizando a máis a linguaxe de signos. Para coñecer o final, como dicía o Muli –que era un creativo– hai que ver a película, pois as veces cando nos falaba dun libro non nos contaba o final para que o leramos.

    06 ago 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito