Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O país enteiro non vai ser o mesmo sen eles

    A árbore máis grandiosa que teño na casa acada uns quince metros de altura; porén non poucos dos que me visitan e os levo a que a saúden poñen en dúbida que sexa propiamente unha árbore. Razóns non lles faltan a todos eles.

    Taboada Chivite conta nun dos seus traballos que, alá por Verín, na noiteboa, no solsticio de inverno, os homes saen a almuíña e logo de azoutar as arbores froitais, que en galego son de xénero feminino, abrázanse a elas e dinlle palabras que eu descoñezo; pero que deben ser certas porque logo dan mazás, peras ou pavías e sabe deus que máis cousas.

    Os meus amigos non se abrazan á miña arbore; primeiro terían que gabear por enriba das súas inmensas raiceiras (hai quen a esta árbore chámalle “pata de elefante”, imaxínenas) e logo igual se me viñan embaixo así que, se a algún se lle ocorre, non o deixaría. Pero non hai coidado, a ninguén lle da polo alpinismo.

    Teñen razón os discutidores. A primeira destas árbores que houbo por estas terras, unha Phitolacca Dioica, dise o seu nome en fino, foi traída por Hernando, fillo de Cristobo Colón, que xa saben que era natural d’A Puntada, aí xusto en Poio, ónde está a única ponte do mundo que ten a Poio só por un lado.

    Dende que Hernando a trouxo discútese se se trata dunha árbore, se dun arbusto, ou ben se o que ven sendo é unha herba xigante; eu diría máis ben xigantesca. A min, a miña, regalouma Alfonso Paz Andrade e díxome que a el lla trouxera un mariñeiro dende as Seychelles, que en galego se din Seixeles.

    Hoxe antes de ir botarlle unha rega ás verzas, detívenme diante do xigantesco ombú, que así é chamado, gabeei polas súas raiceiras e abraceime a el como se me abrazase a Alfonso Paz Andrade que morreu onte, deixándonos a todos co noso ánimo encollido e triste, apesadumbrado. Ó dicir a todos quero dicir ó país e tamén ós que o queriamos. O país é hoxe máis pequeno, nós somos máis probes.

    Levamos unhas semanas tan tristes que moito me recordan a aquelas nos que nos deixaron tantos escritores seguidos. Foi nun verán estraño, se ben o recordo. Estas pertencen a unha primavera que se acaba. Nelas estamos indo case que a un pasamento por semana.

    Primeiro foise Pepe Carro, logo seguino Luis Caramés, agora acaba de marchar Alfonso Paz Andrade que regalaba árbores ós amigos e criaba tartarugas estrañas alá por Gondomar, na súa casa de Peitieiros, unhas tartarugas enormes, de longos e esveltos colos, pra envexa de Roadl Dahl e sorpresa dos seus amigos, eu entre eles.

    Tres intelectuais de difícil substitución acaban de deixarnos. Un médico humanista, un economista teórico, pero sabio, un empresario práctico, pero intelixente, convencido de que se non é mentira que os poetas fan ós países, o certo-certo é que son eles, os empresarios que saben facer algo máis que diñeiro, os que os constrúen e dignifican porque crean riquezas que a todos aproveitan.

    Escribo non pra lle explicar ós lectores quen foron eles tres; quen foi Alfonso Paz Andrade, no caso do día de hoxe, senón pra dar conta da tristeza destes días. Quen foron eles xa o sabemos todos e, aqueles que non o saiban, que busquen nas redes a información que necesiten. Descúlpeseme que me exprese como acabo de facelo. O mínimo que se lle pode exixir a unha cidadanía que pretenda selo, e consolidarse como tal, é que saiba quen son aqueles de entre todos que souberon dar o mellor de si mesmos en beneficio común. Tamén deles, claro, faltaría máis.

    Tranquiliza pensar que, aínda estando sumidos nun descoñecemento diríase que xeral de todos eles, se quixeramos esaxerar un pouco, diríamos que este país sigue a dar prohomes que o dignifican co seu traballo e non lle regatean esforzos. Pola contra, intranquiliza ser conscientes da pouca ou escasa repercusión que os seus esforzos teñen chegada a hora de ser espallados e seren coñecidos pola maioría dunha poboación entretida en ler crónicas rosas, efemérides deportivas ou trastornos colectivos consecuencia de histerias inducidas e intereses espurios e asañados.

    É triste pensar en que xentes así teñan que morrer pra que poidan ser dados a coñecer en amplitude os traballos e os datos que adornan as súas vidas. O país enteiro non vai ser o mesmo sen eles, xa non o é, a penas pasaron uns poucos días dende que comezaron a deixarnos. Pra todos tres o meu recordo emocionado, a miña millor memoria do seu paso, a miña gratitude polos exemplos que os tres nos deixaron.

    17 jun 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito