Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O pasado

    MOITO gusto lle colleu Pontón a facer de vez en cando unha reflexión. Desde aquela famosa na que profundou hamletianamente se ser ou non ser, se deixar o liderado do Bloque ou non deixar, cando ela se pon a reflexionar botámonos a tremelicar. E o seu partido mesmo pode sufrir “ansiedad, angustia y desesperación”, coma naquel bolero que cantaba Lucho Gatica. Agora, da última reflexión de Pontón, resultou este pensamento de altura: “Feijoo é o pasado”. E isto xa é máis ca unha reflexión: isto é unha reflexão (diría un portugués), o zume do moito reflectir, ese verbo culto que goza de tanta simpatía entre os nosos lusistas máis afoutados. Se en galego dis reflectir, marcando ben marcado o estoupido do son velar (k), xa se che perdoan todos os horrores da túa sintaxe. Reflectir presta prestixio, que é algo que unha clase de parvo do país sempre bota en falta no noso idioma, o famoso prestixio. E, cando Pontón reflicte, aí é que bate o ponto (diría outro portugués): “Feijoo é o pasado”. E coa mesma xa parece que Feijoo queda borrado do mapa.

    Non é así. Pontón pensa que o pasado é o buraco negro do esquecemento, pero se a súa reflexión fose un pouco máis reflectida (sensata) e incluso un pouco etimolóxica, debería reflectere animum, como diría un romano do tempo de Cicerón, ou sexa debería tranquilizarse, acougar. Porque parece que Pontón padece un déficit de orde intelectual que lle impide ver que o pasado non é negrura, senón claridade que nos ilumina o camiño para “evitar o que non hai que volver facer”, como dicía Ortega. A que estado de calamidade tivo que vir dar o noso sistema educativo cando nin no instituto nin na facultade che ensinan o que é o pasado. Que nunca é cousa pasada, porque ao pasado sempre lle gusta volver, e a única maneira de controlalo é a memoria. Dicir que “Feijoo é o pasado” é unha ofensa: non a Feijoo senón ao pasado. Este sempre é un revenant, como dixo un francés, porque ten a manía de renacer a cada paso, excitado ás veces pola nostalxia, e sempre fura e perdura no presente. E claro que vai haber unha saudade de Feijoo. Só a Pontón se lle ocorre pensar que pode cancelalo no pasado, pero a verdade é que o tardofeijoísmo vai durar até moi tarde.

    Luminoso consello maquiavélico para príncipes (e príncipas) é aquel que recomenda saber inventar un “bo inimigo” que axude a gañar un chisco de votos para seguir requentando o escano nutricio e patricio, pero ese inimigo ten que cadrar coa feitura do inimigo da xente. E Feijoo non entra nese cadrar. Hai reflexións que conducen ao extravío, e quen non sabe o que é o pasado (á parte de ter sido estafado por unha posuniversidade que imparte toda caste de “ciencias” menos as ciencias do espírito), non ten futuro.

    20 may 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito