Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O pequeno empresario/a ante o precipicio

    A medida que se recobra a actividade económica, naqueles sectores que non estaban considerados imprescindíbeis, resulta evidente que non poucas pequenas e medianas empresas, e mesmo algunha grande, terá moitas dificultades para reiniciar a actividade. Ou sexa, que todo indica que o peche de industrias, empresas de servizos e comercios, pode ser importante, co que isto implica respecto do emprego. En non poucos casos pode que as razóns para o peche xa existiran e que o único que fixo a pandemia foi precipitalas, noutros o confinamento foi determinante. Nestes últimos a existencia de axudas, a través do aval a prestamos, a cobertura de gastos e a exoneración ou adiar o pago de impostos poden contribuír a reflotalos.

    Agora ben, non se debe ignorar que estas axudas, que deben ser transitorias, e as campañas publicitarias, non solucionan os dous aspectos máis importantes aos que se enfrontan estas empresas. Por unha banda, que unha parte considerábel, por exemplo as ligadas co turismo e espectáculo, aínda están a medio gas ou non están activas. Por outro lado as consecuencias do medre do desemprego e da precariedade. As persoas que están nun ERTEs, e mesmo aquelas que temen poder perder o emprego no futuro, reduciron o consumo. E aínda que os ERTEs e o IMV evitaron ademais dunha crise social que o consumo se desplomase non pode impedir a súa caída.

    Ademais, malia que hai sectores que non sufriron os efectos do coroavirus e mesmo algún, como os relacionados coa sanidade, viron medrar o negocio, iso non implicou necesariamente unha mellora das condicións laborais e un aumento do consumo, que permitise compensar a caída noutras actividades. Foi así porque as reformas laborais, a Lei Mordaza e o artigo 315.3 do CP teñen un efecto regresivo sobre os salarios e as pensións e outras prestacións. Daquela que nesta situación de crise, a tendencia dominante fortalece a desigualdade e precariedade e polo tanto a caída do consumo, agás o de luxo, dado que a explotación e opresión son consubstanciais co capitalismo.

    En resumo, salvar as empresas, especialmente as pequenas e medianas, dependerá no fundamental do aumento do investimento e gasto público, e de revitalizar o consumo privado. E iso implica no corto prazo o endebedamento público, porén tamén a xustiza impositiva. Non pode ser que as grandes empresas paguen impostos de sociedade ridículos, que a especulación financeira non tribute, que a banca obteña beneficios da débeda soberana grazas aos criterios da UE, que as empresas dixitais eludan o pago de impostos,... E como outro aspecto esencial a derrogación da lexislación que esmaga á clase traballadora impedindo un reparto máis xusto da riqueza producida e polo tanto un aumento do consumo privado. Estas son cuestións básicas.

    Evidentemente hai outros retos a termos en consideración, o fomento do cooperativas para a venda dixital, a merca de subministros e a distribución on-line de produtos. Porén, o aspecto central está en como se reparte a riqueza, que condiciona tanto o tipo de consumo como a súa contía. O pequeno empresario, ligado ao consumo de proximidade, debe decidir acertadamente, porque délo depende seu futuro, cal é o modelo económico, laboral, de pensións e prestacións que máis lle beneficia. Ou sexa, cales son os clientes que lle manteñen o negocio e lle permiten obter beneficios.

    A crise da pequena e mediana empresa, do comercio e servizos, non se resolve con axudas conxunturais, tal como deixou en evidencia os resultados da crise de 2008, aínda que axuden transitoriamente. O pequeno empresario/a e os autónomos/as teñen cada vez un papel máis subordinado. Abonda con ver como case que todas as empresas máis dinámicas na Galiza están en mans foráneas. É hora de que o pequeno empresario repense seu papel, no escenario da loita de clases, e que estea máis preocupado por aumentar as vendas e limitar as multinacionais que por reducir os salarios rebaixando o consumo; un circulo vicioso do que el tamén é vítima.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    04 jul 2020 / 00:15
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito