Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O planeta Terra envía un SOS ao mundo!

    RESPONDER ao SOS do planeta Terra non é só unha prioridade, é unha verdadeira urxencia. Os desastres naturais acompañáronnos no final do verán e, unha vez máis convídannos a reflexionar sobre o cambio climático. Nas nosas conversas falamos de incremento do nivel do mar, aumento de temperaturas, quentamento global, gases de efecto invernadoiro... e, coñecemos moi ben os efectos devastadores que produce o “desequilibrio climático” no planeta, nalgúns casos incluso por experiencia propia: ciclóns, inundacións, secas, tifóns, incendios treboadas, furacáns, ... Todos con consecuencias desastrosas alí por onde pasa.

    Tamén escoitamos voces defendendo que tal cambio non existe e que, desde que o mundo é mundo, o clima foi evolucionando. Esta afirmación é certa pero tamén o é o feito de que a influencia do ser humano nesa evolución é evidente e innegable e que se antes os cambios se producían en millóns de anos agora estamos a falar de cambios brutais que se producen cada 200 anos.

    Iniciáronse coa revolución industrial e social dos séculos XVIII e XIX e continuaron unha liña ascendente que non coñece límites pois aos gases que están de forma natural na atmosfera debemos sumarlles os producidos pola industria, polo transporte ou pola agricultura e gandería intensivas. Un panorama que, como non se atalle decontado, nos levará a unha situación totalmente irreversible e o que é peor, sen posibilidade de control por parte do ser humano.

    En 1819 a americana Eunice Newton Foote foi unha das primeiras en estudar o clima e en decatarse de que o aumento da concentración de CO2₂ e de vapor de auga na atmosfera provocaba un incremento da temperatura na Terra; antes da famosa Greta Thunberg, no ano 1992 unha rapaza de 12 anos, Severn Suzuki, participou no Cumio da Terra celebrado en Río de Xaneiro e converteuse na “nena que silenciou o mundo durante 5 minutos”. As protestas e mobilizacións foron ocupando titulares pero pouco máis. Os países non acaban de comprometerse nin de concretar medidas reais porque comporta importantes sacrificios económicos e nós, como individuos, tampouco acabamos vivir en harmonía co planeta.

    Non podemos agardar máis. Cada un de nós ten a obriga de actuar de forma responsable, empezando polos nosos hábitos de consumo que se resumen en reducir, reciclar e reutilizar pero, ademais, debemos dedicar tempo e esforzos a esixir dos nosos empresarios, dos nosos políticos e gobernos un compromiso real co planeta. O SOS non é só unha prioridade senón unha urxencia!

    14 sep 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito