Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O porén

    COMO este ano nefasto os foguetes do Día das Letras non tiveron lucimento, o egrégio professor ficou sen verbena, que é o peor que lle pode pasar a un galego (e incluso a un galego-portugués). Mesmo eu tiña preparada unha conferencia (porque me gusta poñer o meu gran –de Trigo– na leira letreira) co pedante título de Semasioloxia lusofóbica, para expoñer nun cenáculo heterodoxo, pero chegou o virus e mandou parar todo cenáculo e merendáculo (as nosas Letras só funcionan se nos botan algo de comer. Aquí, sen dieta e croqueta, non hai cultureta).

    E por iso traio a este artigo polo menos a améndoa daquela miña charla, baseada na curiosa evolución semasiolóxica dos lusismos que se lle meten rectalmente á lingua galega.

    Como desta disciplina lingüística –a semasioloxía– aquí pouco se sabe (e aínda menos os académicos e profesores), entendamos polo gordo que o seu labor consiste en observar como o pobo falante vai introducindo –á súa maneira idiosincrásica– unidades significativas dentro dos significantes que se nos espichan desde o portugués, e que eu teño sometidos a vixilancia virolóxica, porque che son moi infectivos. Métense nas células das nosas verbas patrimoniais e mátanas.

    Un exemplo moi expresivo é ese inocente portuguesismo porén, que o pobre nin sequera é unha palabra lexemática, senón un conector adversativo que non nos facía falta ningunha, pero que nolo chuzaron co obxectivo sicario de matar os nosos nexos, correntes e viventes, sen embargo e nembargantes, que, como di a artista do programa Dígocho eu(ro) da nosa tele, xa están mortos por decreto de normativa.

    A verdade é que son moitos os episodios do Dígocho eu(ro) cos que te esfarelas de risa, pero con este do porén esmendréllaste. En efecto a actriz, con moito mimo escénico de chorona de Cangas, anuncia o funeral de sen embargo e deseguido o revival do empalmado porén, que seica “se está introducindo aos poucos”. Ou sexa, de momento, “la puntita nada más”, como dicía aqueloutra. Desde logo o Dígocho eu(ro) é o programa máis erótico da nosa tele.

    E en efecto, na fala dalgúns sitios da miña nación de Morrazo, xa se está a facer un uso de porén enriquecido semasioloxicamente con compoñentes fálicos: “Non me toques o porén”, oín xa dicir como modismo moderno. E o meu amigo Suso Pardavila, cando estoutro día lle explicaba (coa debida distancia antivírica na que mediaba unha botella de albariño) a miña tese, cortoume con este novo e escéptico paralexema: “Vai rascar o porén”. Se o egrégio professor levantase a cabeza.

    07 nov 2020 / 01:06
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.