Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O porto da Coruña é dos coruñeses

    CO cambio de milenio o porto exterior da Coruña converteuse nunha realidade. En abril do 2005 colocábase a primeira pedra dun porto que hoxe está operativo, un porto que supón unha notable mellora na seguridade –ao permitir retirar tráficos perigosos da ría–, unha mellora na potencialidade económica –ao multiplicar o espazo portuario dispoñible cos peiraos interiores xa esgotados–, e u unha mellora na calidade urbana, ao liberar grandes superficies pechadas á cidadanía para a súa integración na malla urbana.

    Langosteira cumpre xa coas dúas primeiras características, mais o ata o momento non se tiña avanzado na terceira. A grande oportunidade que supón o porto para a cidade semellaba un problema enquistado. Xa non o é. Inés Rey vén de converter de novo os peiraos interiores nunha inmensa oportunidade para a cidade, e o fixo cunha proposta audaz e xenerosa que demostra a sensibilidade da alcaldesa da Coruña cun espazo emblemático desta cidade, mais tamén coas demais administracións implicadas na transformación do porto. Todo, por suposto, sen renunciar aos principios que sempre defendeu o seu Goberno: o porto é público e así ten que seguir, e teñen que ser os coruñeses os que decidan sobre o seu futuro.

    O Concello da Coruña ten recursos suficientes para garantir que Batería e Calvo Sotelo sexan desde xa espazos de carácter municipal e abertos ao desfrute da cidadanía. Coa proposta do Concello de adquirir o 75% do solo gaña a cidade, que disporá así dun espazo cun inmenso potencial para facer da Coruña un lugar aínda máis atractivo, mais tamén gaña a Autoridade Portuaria, necesitada de recursos para facer fronte á súa carga financeira.

    A proposta feita pola alcaldesa, moi ben acollida tanto pola Autoridade Portuaria como polo Estado, demostra esa necesaria sensibilidade co problema de endebedamento vinculado á obra de Langosteira, mais non supón unha solución definitiva a dito problema nin un cambio de postura sobre o que este Goberno defendeu sempre: é preciso seguir traballando na procura da condonación (ou medidas equivalentes) desa débeda.

    Dende A Coruña seguiremos a traballar nesa mesma liña mais dende unha posición inédita nos últimos 18 anos: primeiro conseguiuse a conexión ferroviaria a Langosteira, que garante a operatividade plena do porto exterior, e agora proponse o mecanismo que permite a apertura inmediata dos peiraos á cidadanía garantindo o seu carácter público e deixando no Concello o peso da toma de decisións sobre eses terreos.

    Nunca se chegara tan lonxe en tan pouco tempo. O porto está a deixar de ser un problema para se converter, de novo, nunha oportunidade. É preciso que o resto das administracións implicadas suban a este barco. Quen goberna ten que aportar solucións. Inés Rey xa o ten feito.

    21 jul 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito