Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O privado no público

    SI o individuo (no pensar de Joël Roman, filósofo, ensaísta e editor, francés, que segue o pluralismo social e cultural da sociedade) pode ser o inimigo do cidadán (como sinalou Alexis de Tocqueville), e si a individualización pon en apertos a idea de cidadanía e a política baseada nese principio, é porque as actuacións dos individuos tentan ocupar o espazo público fronte aos que alegan ser os únicos ocupantes lexítimos e expulsan co discurso oficial todo o demais. O que se nos quere presentar como de interese público está a resultar de proveito na vida privada de moitas figuras públicas, é dicir, a vida pública redunda en beneficio dos intereses privados. E, consecuentemente, pódese dicir que o público está a ser colonizado polo privado.

    En relación cos inmigrantes que irrompen na sociedade díxose que a esencia da civilidade supón tamén a capacidade de interactuar con foráneos sen atacalos e sen os presionar para que deixen de selo ou para que renuncien a algúns dos trazos que os converten en estraños. Seica sería erróneo descartar o renacido comunitarismo como un achaque de instintos aínda non erradicados, que han ser neutralizados ou disoltos polo progreso da modernización, sendo tamén erróneo atribuílo a un momentáneo fracaso da razón, un lamentábel pero inevitábel caso de irracionalidade, en desacordo cunha elección pública racional. Cada entorno social promove a súa propia clase de racionalidade, infunde o seu propio significado á idea dunha estratexia de vida racional; e o actual avatar do comunitarismo é unha resposta racional á xenuína crise do espazo público... e da política, esa actividade humana cun fogar no espazo público.

    Segundo o sociólogo pragmático Richard Sennett o reino da política tende a se reducir á confesión pública, á exhibición pública da intimidade e ao exame e censura públicos das virtudes e vicios privados; consonte o tema da credibilidade da xente en público reempraza a consideración de que é e que debería ser a política; consonte que a visión dunha sociedade boa e xusta está ausente do discurso político, non é rara a conversión en espectadores pasivos dun personaxe político que lles ofrece os seus sentimentos e as súas intencións, en vez dos seus actos para que os consuman. Porén, a cuestión está en que os espectadores non agardan moito máis dos políticos

    A desintegración da trama social e o derrubamento das axencias de acción colectiva adoitan sinalárense –tense dito– como efecto colateral anticipado da nova levedade e fluidez dun poder cada vez máis móbil, escorregadizo, cambiante, evasivo e fuxitivo. Máis a desintegración social é tanto unha afección como un resultado da nova técnica do poder, que emprega como principais instrumentos o descompromiso e a arte da fuxida. Para que o poder flúa o mundo debe estar ceibe de trabas, barreiras, fronteiras fortificadas e controis. Como sinalou Ulrich Beck: aquelo que emerxe da disolta norma social é un ego espido, atemorizado e agresivo á procura de amor e axuda.

    08 nov 2020 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito