Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O que contan son os feitos, non os díxome-díxome

    UNHA das decisións máis difíciles que impón o oficio de gobernar, según eu o padecín e entendo, estriba no feito de cesar nas súas responsabilidades a alguén co que contaches pra colaborar contigo no seu exercicio.

    No seu momento e contra vento e marea mantiven nunha dirección xeral a unha persoa procedente da equipa anterior á que eu formara; é dicir, procedente do partido que acababa de pasar á oposición logo de que González Laxe sacara adiante unha moción de censura que, por novedosa, pero non por innecesaria, foi amplamente utilizada como arreboladiza arma da oposición ó seu goberno. Escúsenme o relato das dificultades que se me presentaron pró seu nomeamento como membro da nova equipa responsable da Consellería de Cultura.

    Á volta dun ano tiven que optar por cesala. Cando a cotiá reunión de directores xerais, a primeira hora da mañá, ela non aparecía; reclamabas a súa presenza chamándoa ó seu despacho e respondíanche que aínda non chegara. Volvías chamala ás once e pico e respondíanche que baixara tomar un café. Como necesitases falar con ela, repetías chamada antes de que acabara á mañá e daquela ou ben fora facer a praza ou buscar os fillos ó colexio.

    Logo de repetir moito o procedemento chameina ó despacho e rogueille colaboración e responsabilidade. Pero non obtiven nin unha cousa nin outra. Ó cabo dunhas semanas volvín chamala repetíndolle o rogo ó tempo que lle advertía de que non a chamaría por terceira vez. Á volta doutras semanas tomei a difícil decisión de substituíla por outra persoa. Paguei un bo prezo por elo.

    Por iso quero expresar publicamente a miña solidariedade coa alcaldesa d’A Coruña por se lle serve de consolo diante da que se lle aveciña. Calquera concelleiro ou calquera conselleiro responsable da execución dun orzamento público que –a mediados do mes de novembro, deste mes de santos, deste mes covid´19 e doutras pragas que non semellan irradicables– non teña executado máis ca un 16 % dos orzamentos que se lle puxeron nas mans prá atención da cidadanía –pois foi ela, a cidadanía e non outra entelequia ningunha quen aportou os cartos que se puxeron á súa disposición– é unha persoa que non merece seguir no cargo con independencia de que o seu soldo anual sexa de cincuenta e nove mil euros ou de ben menos.

    O partido que, non sendo eu militante seu, o PSdG-PSOE, puxera nas miñas mans a responsabilidade da consellería non me reprochou nada o cese; ben ó contrario, o que si me reprochara e mesmo afeara fora a continuidade no cargo da persoa entón recén cesada. Pagueino na prensa e millor ha ser non recordalo, que poder podo facelo.

    É de temer e non de desexar que a Inés Rey, alcaldesa d’A Coruña lle agarde unha boa tronada pola súa proa política. É moi probable que os apparatchik do seu partido se lle boten enriba de contado; de feito, xa acaban de facelo botando man do doado recurso dunha reclamación monetaria que non vou ser eu quen comente, pero que pode dar idea, se ben someira, de por ónde han vir os tiros.

    Quero expresar non só a miña solidariedade con Inés Rey, a quen conste que non vin nunca diante e que por outra parte non lle vai servir de nada, senón máis ben ó contrario, senón tamén a miña admiración e o meu respecto por se ter atrevido a tomar medida extrema e tamaña coma a que ela acaba de tomar.

    Non é de recibo a impunidade coa que se conduce non pouca da xestión pública. Tampouco o é que, no extremo oposto ó citado e se é que segue sendo así, os orzamentos poidan ser excedidos legalmente ata nun vinte por cento da súa totalidade. Se o orzamento dunha consellería, por non dicir dun ministerio, é de dez millóns de euros anuais, ese vinte por cento, implica dous millóns de débeda anual que, a volta dunha lexislatura, acadan a nada desprezable cifra de oito millóns de euros, por poñer e ser modestos na exposición dun exemplo.

    O comportamento da alcaldesa d’A Coruña é absolutamente plausible e, o meu entender, digno de eloxio. Merece por elo a confianza dos seus electores. Outra cousa sería que a súa actitude respondese, máis que ó que queda exposto, a unha desas guerras internas coas que nos ocultos, cando non escuros, interiores dos partidos parecen entreterse en vez de se ocupar en asuntos de utilidade. En calquera caso ese 16 % é un feito non desmentido e o que contan son os feitos, non os díxome-díxome ós que estamos tan afeitos.

    19 nov 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito