Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O rei ‘Sabio’ e o Ano Santo

    NESTE primeiro mes do Ano Santo inaugurouse, na igrexa da Universidade, a exposición itinerante Afonso X e Galicia, organizada polo Consello da Cultura Galega, que xira ao redor do rei Sabio, cando se cumpren 800 anos do seu nacemento, e da súa relación con Galicia e co seu tempo. Trátase dunha proposta moi didáctica –que se pode visitar física ou virtualmente– adaptada aos tempos de COVID e pandemia que vivimos grazas aos medios audiovisuais, e que, ademais, convida ós visitantes a realizar unha peregrinaxe por Galicia pois, ao final da mostra, propóñenselles diversos itinerarios para que vaian ver in situ as pezas.

    Este monarca medieval nacido en 1221 e alcumado o Sabio dominaba varios idiomas, posuía grandes coñecementos astronómicos, históricos, musicais, literarios... e deixounos en herdanza, entre outras obras, o Libro del ajedrez, dados y tablas, 44 cantigas profanas e as 427 Cantigas de Santa María escritas en galego-portugués acompañadas das partituras musicais e de miniaturas marabillosas.

    Nun momento onde os lugares de peregrinación, a Virxe María e Santiago Apóstolo competían polos devotos, o Sabio decántase pola Virxe e escribe un conxunto de cantigas nas que publicita os seus milagres –tal como se entendían na época–, moi superiores aos do apóstolo, e onde anima a poetas e xograres para que centren os seus esforzos en loala a ela.

    Entre elas, inclúe algunhas relacionadas co Camiño de Santiago e coas peregrinacións onde se contan diversos incidentes nos que tivo que intervir a Virxe como, por exemplo, na 175 Por dereito ten a Virgen onde se conta como un romeiro alemán devoto de Santa María viaxa co seu fillo por Rocamador cara a Compostela. Cando chegaron ao lugar de Tolosa, un malvado pousadeiro meteulle ás agachadas, no saco do fillo, un vaso de prata. Cando o descobren, o xuíz ordena aforcar o mozo diante do pai.

    Este, tras chorar os sete chorares, continúa a peregrinaxe a Santiago. Ao pasaren tres meses, regresa e atopa o fillo colgado no mesmo sitio pero, sorprendentemente, vivo! Santa María fixera un milagre e evitou que morrese: “Desto direi un miragre / de gran maravill’estranna/ que mostrou Santa María/ por un roméu d’Alemanna/que a Santiago ía/ que éste padrón d’Espanna/ e per Rocamador vẽo/ a Tolosa a cidade...

    Anotemos na axenda esta visita, gratuíta, para mergullarnos na nosa historia medieval da man de Afonso X. Despois do 24, teremos unha segunda oportunidade en Ourense, pois o rei criouse no Castelo de Maceda. Paga a pena.

    25 ene 2021 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.