Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O rural, un mundo de posibilidades

    MOITOS de nós concordaremos con que no rural domina a paisaxe, reina a tranquilidade, hai menos contaminación, a sensación de liberdade é maior ca nas cidades, as relacións cos veciños, aínda que difiren das que lembramos, son máis intensas... Pero, malia o redescubrimento do rural derivado da pandemia, o certo é que a Galicia “baleirada” avanza ás alancadas.

    Asistimos a unha situación alarmante con máis de 2.000 aldeas en estado de abandono total e outras tantas, cunha manchea de veciños que van camiño diso. Con elas, esmorece tamén unha maneira de vivir e de entender a vida ademais dun inmenso e incalculable patrimonio cultural.

    Encontrámonos ante un problema social moi complexo, con implicacións demográficas, económicas e sociais como o despoboamento, relacionado coa emigración ás cidades, coa baixa natalidade e co envellecemento da poboación; a supervivencia de tópicos e prexuízos; a obriga de buscar solucións a problemas persistentes do sector agrogandeiro, mariñeiro, forestal... Galicia leva séculos reclamando a dignificación do medio rural, o que comporta tamén rehabilitar e repoboar zonas deshabitadas. Temos diante nosa todo un mundo de posibilidades. Non podemos conformarnos
    co “turismo a aldeas abandonadas”.

    Debemos involucrarnos no reto de facelo rendible e, ademais, adaptalo ás novas necesidades xurdidas. Por iso valoro enormente estudos e investigacións como O pequeno é grande. A agricultura familiar como alternativa dos profesores Xoán Carlos Carreira e Emilio Carral que contribúen a ampliar a nosa visión, que nos convidan a reflexionar e a clarexar que é hoxe en día o medio rural, quen vive nel ou cal é o papel da agricultura a pequena escala.

    Para avanzarmos nese cambio e dignificación cómpre, unha vez máis, vontade política, escoitar e ter en conta a todas as partes implicadas, unir esforzos desde un punto de vista multidisciplinar e investir en políticas que solucionen problemas “eternos”, que asenten poboación e favorezan a chegada de veciños.

    Precísase mellorar o acceso aos servizos mínimos indispensables e, aos que se veñen reclamando desde sempre como son o transporte, o acceso á educación e á sanidade, hai que sumarlles outra necesidade básica hoxe: infraestruturas de calidade como a cobertura telefónica ou un bo acceso a internet que favorezan a comunicación, o teletraballo e a conciliación laboral e familiar, ademais de buscar alternativas baseadas nun estilo de vida saudable e na sustentabilidade porque o rural, máis ca nunca, é unha aposta segura.

    28 may 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.