Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O taxi

    DISQUE todo vai ser novo no mundo novo que vén, pero en política a palabra da que menos te debes fiar é new. Díxoo Clement Attlee, aquel político inglés que hoxe só recordamos por lle ter inspirado a Churchill algún dos seus célebres humoremas. O máis citado é aquel do taxi: “Chega un taxi vacío (baleiro), e baixa mister Attlee”. Certamente é desas frases cristalizadas pola agudeza que adquiren unha duradeira virtude de aplicación en calquera tempo. Agora mesmo, aquí, podería ser moi acaída para retratar a vacuidade política de máis de un: “Chega un taxi vacío, e baixa Gómez-Reino”. (Por poñer un exemplo).

    Churchill era moito Churchill, e esta enormidade de carne e talento opacou a figura de Attlee, que aínda así non foi un político menor. Dispoñía de menos recursos intelectuais ca o seu mítico adversary, pero tiña unha elegancia moral que botamos de menos en moitos dos os nosos homes públicos e mulleres públicas, con perdón (aínda non me goberno ben na nova linguaxe inclusiva).

    Pero do que se trata agora, por recomendación do vello Attlee, é de estarmos previdos contra a inflación do new, do adxectivo novo/nova, porque en tempo de crise ten efectos semánticos moi maleantes. Hai que estar atento a esa “nova normalidade” que se vai espallar en tan grande diversidade de novidades nos hábitos de vivir e pensar, que non se sabe que dirección pode coller “a frecha da Historia”, como diría Yuval Harari, que é o historiador de moda e o que máis sabe da peripecia de Sapiens.

    Mentres aquí os nosos historiadores aínda están no palleiro da memoria histórica, outros de polo mundo abaixo andan na busca do destino planetario. Por certo que estoutro día nunha entrevista na prensa, Harari tamén adiantaba que vai vir estoutro new: “un novo sentido común”. Foiche boa. Desta dinámica tola de novidades non se van librar nin as instancias cognitivas, e mesmo o noso sentidiño pode sufrir muda.

    De novo sentidiño, nada. Queremos o de toda a vida, o de nación. Haberá nova normalidade, pero que non nos remexan nin o sentidiño, nin a nación, nin sequera a provincia, porque con este Goberno nin a ourensanía dos ourensáns está segura.

    Os historiadores das pestes da humanidade din en efecto que despois dunha pandemia vén un mundo novo, un renacemento, un humanismo (como se viu vir despois da Morte Negra de mediados do século XIV), pero os nosos ministros e ministras non nos anuncian ningún novo humanismo (só algún novo algoritmo) nas súas moitas comparecencias: “Chega un taxi vacío, e baixa o Goberno”.

    09 may 2020 / 00:18
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.