Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O tren a Langosteira, construíndo
o futuro dunha cidade

    A Coruña estivo parada e bloqueada nos últimos anos pola ausencia de diálogo e de cooperación entre as diferentes institucións. O feito de que Inés Rey lograra a pasada semana o maior investimento do Estado na Coruña en dúas décadas, o tren a Langosteira, evidencia que as cousas van, por fin, por outro camiño. Discreción, diálogo, traballo en equipo, cooperación institucional e alianzas coa sociedade civil, unha fórmula gañadora e que sempre foi garantía de éxito para esta cidade.

    O dicionario define discreción como “prudencia e sensatez para formar un xuízo e tacto para falar ou obrar”. A prudencia volve formar parte do centro da política e, como sempre, volve dar os seus froitos. O diálogo é unha ferramenta de primeiro orde imprescindible para cooperar e tamén foi protagonista decisivo para culminar con éxito o compromiso do Goberno presidido por Pedro Sánchez coa nosa terra.

    O tren a Langosteira xa non é unha aspiración, é unha realidade que suporá un investimento de 140 millóns de euros. Ese tren, froito das xestións á marxe do ruído levadas a cabo pola alcaldesa da Coruña, non só levará mercancías do porto exterior ao resto do país, senón que tamén levará aos coruñeses ata o mar e permitirá, por fin, que o plan para integrar os peiraos na malla urbana pase do plano teórico á realidade.

    Apóstase así de novo por proxectos estratéxicos que transformarán a cidade, seguindo a estela daqueles que xa a converteron previamente nunha urbe grande e fermosa. A Coruña volve a subirse así ao tren do futuro, que nos permite soñar de novo, e que fará posible unha cidade aberta plenamente ao mar.

    Nada chega porque si. Dende o inicio da construción do porto exterior a cidade non recibía un investimento estatal da magnitude do novo enlace ferroviario. Agora xa estamos a falar de que vamos facer nos peiraos e de cando van abrir para o seu uso e desfrute por parte dos cidadáns, ou pensando en que empresas poderán instalarse no porto exterior. Hai tres meses todo isto víase como imposible. Quedou claro que non o era.

    Foi o goberno de Inés Rey o que foi capaz de sentar a tódalas administracións o pasado 23 de febreiro para comprometer a uns e outros na procura de solucións, e é xusto recoñecer a complicidade do presidente da Xunta de Galicia e a determinación do ministro de Fomento, José Luis Ábalos, para facer posible esta inversión.

    En menos de vinte meses na Coruña cambiou a inercia, e da man de Inés Rey desbloqueáronse infraestruturas esenciais para a cidade, como a estación intermodal, o futuro Chuac ou o saneamento da ría do Burgo. Agora tamén o tren a Langosteira.

    Queda demostrado unha vez máis que as políticas de balbordo e trincheira dos últimos anos só serven de combustible para os que vivían pendentes do Twitter, mais non serviron de nada para mudar a realidade. Por sorte hoxe a política con maiúsculas volve abrirse paso subíndose ao tren.

    14 abr 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito