Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O valor da seguridade

    COMO remedio para os problemas da vida contemporánea, Philippe Cohen, xornalista e ensaísta francés xa finado, ao examinar os escritos dos renacidos apóstolos do culto comunitario concluío nun seu texto que as comunidades que alí se estimaban e recomendaban como un remedio para os problemas da vida contemporánea son realmente máis semellantes a orfanatos, prisións ou manicomios que a sitios de potencial liberación. Cohen estaba no certo, máis o potencial de liberación nunca foi unha preocupación comunitaria: os problemas que se agardaba que as potenciais comunidades remediaran, viñan sendo, na realidade, sedimentos dos excesos de liberación, unha liberación excesiva. Na extensa e interminábel procura do equilibrio correcto entre liberdade e seguridade, o comunitarismo sempre estivo de par da seguridade.

    Aceptou que ambos valores humanos eran contrapostos, que se non podía ter máis dun sen diminuír un pouco ou un moito do outro. Os comunitaristas non admiten a posibilidade de que a ampliación e a afirmación das liberdades humanas, poidan incrementar a seguridade humana, que a liberdade e a seguridade poidan medrar xuntas, e que mesmo poidan medrar individualmente só se cada unha o fai cabo da outra.

    A visión da comunidade tenta e seduce, impedindo que os seus admiradores miren en profundidade. O valor de ser o único refuxio confire a esa visión un valor agregado e ese valor sigue crecendo na medida que a bolsa onde se negocian outros valores de vida se torna máis caprichosa e impredecíbel. Como inversión segura (ou, máis ben, como inversión menos arriscada que as outras), o valor do refuxio ofrecido pola comunidade non ten competidores serios, de non ser, acaso, o corpo do inversor.

    Nun ensaio que nestora semella unha carta á posteridade remitida dende a terra da inmunidade sólida, Émile Durkheim sinalou que as accións que teñen unha calidade duradeira son dignas da nosa vontade; soamente os praceres que duran son dignos do noso desexo. A nova soidade do corpo e da comunidade é resultado dun importante conxunto de cambios radicais que se resumen baixo o rótulo da nova modernidade. Porén, unha desas mutacións radicais reviste particular transcendencia: a renuncia –ou eliminación– por parte do Estado a cumprir o rol principal ( e ata monopólico ) provedor de certeza e seguridade, seguida da súa negativa a apoiar as aspiracións de certeza/seguridade dos seus súbditos. Corpo e comunidade son os derradeiros postos defensivos do case abandonado campo de batalla onde cada día, con poucos respiros, iníciase a loita pola seguridade, a certeza e a protección.

    De aí que a preocupación por defender o corpo non sexa agora menos efémera que na época na que Durkheim cantou a gloria das institucións sociais duradeiras. O problema é que todo o demais –e especialmente esas institucións sociais– volveuse moito máis efémero aínda que o corpo e as súas satisfaccións. O límite entre o corpo e o mundo exterior é unha das fronteiras contemporáneas máis vixiadas.

    31 may 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.