Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Ollando cara o futuro

    Como moitos outros composteláns, teño vivido con preocupación as novas dos últimos meses sobre este xornal. El Correo Gallego é un recurso de enorme valor para artellar os debates sobre os asuntos da cidade e houbo un momento no que a súa continuidade estivo en cuestión. Preocupación tamén por todas as persoas que seguían facendo o xornal, moitas delas amigas, que o teñen pasado mal; especialmente, dende que a pandemia arruinou subscricións, ventas en papel e publicidade.

    O ingreso do xornal no grupo Prensa Ibérica vai permitir despexar por completo as dúbidas sobre a continuidade e, a bo seguro, vai supor moitos cambios organizativos e no propio xornal que todos os días chega ás nosas casas. Sen dúbida, o xornal debe seguir sendo a referencia central nos debates sobre os asuntos de Compostela, recuperando lectores que se foron perdendo polo camiño. Pero, honestamente, creo que debera aspirar a ser algo máis, para ser un xornal de maior pegada a escala autonómica. Porque Santiago de Compostela é a capital de Galicia, o que supón concentrar o poder executivo e lexislativo autonómico; e porque a realidade é que en Compostela existe a maior densidade de capital humano de Galicia, grazas a esa capitalidade, mais sobre todo pola pegada centenaria do seu potente campus universitario.

    As múltiples reunións mantidas nos últimos meses ao abeiro da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela foron unha extraordinaria demostración do anterior. As achegas dos concelleiros de todas as cores, representantes empresariais e sindicais, profesores, responsables de asociacións de todo tipo... foron dun nivel moi salientable e, dende logo, pouco habituais a escala local.

    Con todo este capital humano debemos ser quen de crer nas posibilidades da nosa cidade, de adaptarnos inspirándonos en actuacións diversas polo Mundo adiante. E tamén de tirar do carro conxunto, do carro de todos os galegos. El Correo Gallego debera ser unha peza chave para ambas as dúas cousas.

    26 ene 2023 / 06:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.