Santiago
+15° C
Actualizado
jueves, 29 septiembre 2022
05:01
h

Ollando o futuro

    O 25 de xullo sempre foi para o galeguismo máis que a súa festa nacional, máis que o Día da Patria. É a data que marca fitos, na que se propoñen horizontes a conquistar, tarefas nas que traballar, nación a construír.

    Todo indica que este ano non vai ser unha celebración máis. Un ritual no que milleiros de persoas se manifestan polas rúas de Compostela, pasan pola Quintana, espállanse polas prazas ateigadas de peregrinos e logo van de festa e fraternidade. Só os máis madrugadores e afervoados militantes aguantan todo o acto da Quintana, porque máis da metade da xente non cabe. Levo máis de 40 anos contando manifestantes por este día e xa sei que o seu número só é un indicativo de como andan os ánimos no nacionalismo.

    O que importa é a mensaxe que se lle dá desde a Quintana á nación, a capacidade de transmitir, de conectar coa cidadanía.

    Logo dos anos da pandemia, este ano albiscase un novo clima: un horizonte de cambio. A min lémbrame aquel 1997 cando Xosé Manuel Beiras realizou o primeiro “discurso de presidente” propoñendo o comezo dunha nova etapa que foi quen de levar ao BNG ao goberno da Xunta.

    Pero tamén a aquel 25 de xullo de 1988 cando o BNG afondou no “proxecto común” apostando por “unha Galicia de seu”.

    Galiza necesita unha alternativa política clara, con propostas realizábeis para mellorar a situación, cada vez máis precaria, da cidadanía, ante a difícil deriva económica que padecemos e que vai ir a mais pois é unha crise do sistema.

    Pero nesa proposta política alternativa ten que estar presente a consecución dun novo marco político que supere a autonomía actual e que blinde a capacidade de decidir de Galiza.

    Certamente que ese novo marco político galego forma parte consubstancial da celebración do Día da Patria, pero, ante as eleccións municipais que se aveciñan e, logo, as autonómicas, nas que o BNG se presenta como alternativa á dereita española, Ana Pontón debería marcar claramente no seu discurso os vieiros que lle propón andar ao nacionalismo para conseguilo e as etapas que deberán transitar sen paradura.

    23 jul 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.