Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Este ano celebramos o 25 de xullo dun xeito distinto polas medidas anti pandemia // O poeta Xosé Iglesias, emulando figuras senlleiras da nosa Historia, propúxonos unha subida ao Pindo // Xurxo Lobato, Castelao, Ruth Matilda Anderson, Chus Lago e moitos máis // Galicia en estado puro

Onde o mundo se chama Monte Pindo

Xa vai alá unha semana dende o Día de Galicia. O pasado sábado, 25 de xullo, tivo lugar un peculiar día da matria para as galegas e os galegos. E digo peculiar polos tempos que corren.

Incluso unha celebración tan sentida coma esta se viu afectada este ano polas medidas anti pandemia. Lóxico, pois, que a marcha que todos os anos percorre as rúas de Compostela fose este ano moito menos multitudinaria.

Pero iso non ía facer que os que senten a ilusión de celebrar esta efeméride fosen ficar na casa. Se algo aprendemos ultimamente é a reinventarnos, non é?

Así foi como o gran Xosé Iglesias, mariñeiro atlántico, pintor e poeta, nos convocou a algúns amigos a facer algo especial. Ocorréuselle emular o que facían -en tempos nos que a liberdade non a esquilmaba un virus, senón animais de dúas patas- grandes figuras da nosa cultura. Persoeiros coma Valle Inclán, por exemplo, que adoitaba subir á Curota para admirarse do esplendor da súa terra. Ou como Castelao en 1925, cando subiu ao Pico Sacro. Fíxoo acompañado por músicos, escritores e outras persoas comprometidas coa cultura que, ante a prohibición de facelo doutro xeito, decidiron ollar o mundo dende arriba para celebrar o día da Patria. Era un 25 de xullo. Moito tempo despois, ao outro lado do océano e máis alá de mil sufrimentos, nesa mesma data daría o máis senlleiro discurso da nosa Historia. A Alba de Gloria que tan ben retratou Manuel Gago.

Un ano antes desa escalada ao Sacro, en 1924, unha estranxeira chegou ao Pindo. Chamábase Ruth Matilda Anderson. Era unha fotógrafa americana que deixou unha pegada fonda na nosa cultura a base de retratar a Galicia de aquel tempo. Percorreu o ancho e longo da nosa xeografía fotografando persoas, lugares e costumes. Todo lle interesaba, pero posiblemente o que máis a impresionou foi esta montaña que domina a Costa da Morte. Tanto que dende as súas abas, segundo as súas propias palabras, chegou a reflexionar sobre “o lonxe que está Carnota do resto do mundo”.

Unha das súas instantáneas máis reproducidas é a das porteadoras cargando mercadorías a través dos vieiros do monte. Moitos anos despois, a muralista Ana Santiso recrearía esa foto mítica no instituto Agra de Raíces co lema As mulleres cruzaban o Pindo co mundo enriba da cabeza. Moita arte. Pero a vinculación con esta montaña non é o único motivo polo que Ruth Matilda veu á nosa memoria.

O responsable da súa evocación, e tamén do título deste artigo, é Xurxo Lobato. O excepcional fotógrafo da Galicia de hoxe formaba parte desa pequena expedición que o pasado día 25 subiu para mirar a nosa terra dende as alturas. Talvez fose casualidade que parafraseara a Celso Emilio Ferreiro ou talvez non.

O caso é que entre Celanova e o Pindo atópase ese anaco de mundo que chamamos Galicia. Unha lingua, unha cultura, unha historia. Un pobo.

Xa que falamos de montañas e de mulleres que fan e fixeron país, non podemos esquecer a Chus Lago. A alpinista viguesa foi a terceira muller do mundo en coroar o Everest sen osíxeno. Pero iso non foi máis que o principio. Despois virían outras fazañas sobrehumanas. Como a travesía en solitario pola Antártida. 1200 km a -50ºC para chegar ao Polo Sur. E mil heroicidades máis que non teriamos espazo para enumerar. Todo para chegar de volta á casa e atoparse co seu nome na esquina dalgunha revista. A portada, iso si, ocupábaa por completo unha miss.

Outra mostra máis de que aínda quedan cumios por conquistar nesta loita de todos e todas que é a igualdade.

A nosa expedición ao Pindo non é comparable coa épica de Chus. Tampouco o pretendiamos. Nin Xosé, Xurxo nin eu. Tampouco Sonia, Rosario, Aldán nin os dous Xulios, pai e fillo, que completaban o grupo. Só buscabamos un lugar preto do ceo. Unha atalaia dende a que contemplar as marabillas da nosa terra. Esa foi a nosa homenaxe á matria na súa efeméride.

Dende alí albiscamos os suaves montes da Ruña, e os vales de Dumbría e Mazaricos. Pero tamén a maxestosa praia de Carnota, e o Xallas coma unha serpe que corre cara ao desastre. As paredes do Ézaro, a enseada de Caneliñas co espírito vivo de todos os Ahab galegos. As illas Lobeiras, que semellan saídas de Capitáns intrépidos. Alí, no seu faro, un día funcionaron ao asemade dúas tabernas. E no horizonte o mítico fin do mundo, onde acaban todos os camiños. Galicia en estado puro.

Custa crer que este lugar de lenda non fose aínda declarado Parque Natural.

Foi á vista destas marabillas cando Xurxo pronunciou aquilo de “onde o mundo se chama Monte Pindo”. Unha sentenza saída dunha lente distinta, particular, incomparable. A mirada do máis grande fotógrafo dos nosos días.

Así é a nosa terra, convén non esquecelo. E celebralo, cando menos, un día ao ano. De Celanova ao Pindo. De Ribadeo á Guarda. Da Gudiña a Fisterra. Unha nación inmensamente rica con moitas contas pendentes. Unha matria inesgotable.

Así é o noso país. Esa terra onde o mundo se chama, simplemente, Galicia.

03 ago 2020 / 00:10
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.