Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Os actores políticos

    NAQUELA aldea pequeniña, sexa onde sexa, na Galicia interior, na marítima ou fóra, mesmo no alén, din daquela persoa mentireira, lixeira no argumentar, pouco traballadora na casa e, nada, fóra dela, que “é moi política”. Dino uns e os outros, os que a coñecen de sempre e os que a escoitaron falar un par de veces. Ela non sabe se é  unha gabanza ou unha manifestación de repulsa, unha crítica, pola súa forma de proceder, coa que tampouco está conforme, aínda que, obstinada.

    Ás veces parece que o labor político ten repercusión e éxito se está na contra, na oposición rotunda, contundente e total aos outros. Con razón ou sen ela, sempre na contra, incluso, contra vento e marea. Esa política da miña aldea, ou de calquera outra, trouxérona os forasteiros repeiteados, moitos deles soberbios, narcisistas e mal falados. Políticos e políticas de medio pelo e de comenencia, profesionais gaioleiros sen parangón. Así hai xente que asevera que os actores políticos deixan moito que desexar. Pero, de que viven os milleiros de home e mulleres que se dedican á política?

    Dicimos milleiros e son máis, son moitos os profesionais deste negocio. Pero, tamén é certo que todos os cidadáns deben ter implicacións políticas e defenderen os seus principios, defender os intereses da xente, a igualdade de oportunidades, as liberdades, o acceso de todos ao ensino, á vivenda, á sanidade e ao traballo. Cadaquén, dende a súa profesión, dende o seu compromiso coa sociedade da que forma parte, debe manter unha postura e unha posición que axude a erradicar as inxustizas, tamén as inxustizas que calan aqueles que teñen a tentación de dedicarse exclusivamente á política, aqueles que van coa comparsa.

    Para escribir este texto, como outras veces fixemos, fomos ao dicionario da Real Academia Galega e alí di que político ou política “é quen se dedica aos asuntos de goberno ou se interesa por eles”. Xa se ve, a gobernanza está no medio, o goberno dos intereses colectivos, e seguramente, prezados lectores, cada pobo ten o goberno que merece, sen esquecer que “o máis difícil é o goberno dun mesmo”. A tía Manuela, neste caso, únese a Paul Auster, naquilo de que “a democracia é a nosa relixión”, sabendo que o poder quere menoscabala, deteriorala e –se é posible– anular aos discrepantes.

    19 may 2020 / 23:02
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.